A subdelegada do Goberno avalía a contribución da Policía Nacional e a Garda Civil para favorecer a convivencia e a seguridade nos centros educativos da provincia

A subdelegada do Goberno avalía a contribución da Policía Nacional e a Garda Civil para favorecer a convivencia e a seguridade nos centros educativos da provincia

20/02/2020

Isabel Rodríguez presidiu a constitución da Comisión provincial de seguemento do Plan de Convivencia Escolar que desenvolve o ministerio do Interior

En 2019 realizáronse actividades para fomentar a convivencia en 216 centros educativos da provincia e as forzas de seguridade realizaron 5.700 servizos de vixiancia

Nas charlas sobre novas tecnoloxías, acoso escolar, violencia de xénero e drogas e alcohol participaron 16.000 membros da comunidade escolar


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, avaliou hoxe a contribución que realizan as forzas e corpos de seguridade do Estado na mellora da convivencia e a seguridade nos centros educativos da provincia. Rodríguez presidiu esta mañá a reunión de constitución da Comisión provincial de seguemento do Plan Director de Seguridade en Centros Educativos da que forman parte representantes da Delegación do Goberno, a Policía Nacional, a Garda Civil, a Inspección Educativa da Xunta e do Goberno e a Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación do Goberno.

A reunión celebrouse na Subdelegación do Goberno e contou coa presenza do director da Alta Inspección de Educación do Goberno en Galicia, Manuel Regueiro, e tamén serviu para analizar a marcha das actividades que se desenvolven durante este curso académico en centros escolares da provincia dentro do Plan Director para a Convivencia e mellora da Seguridade nos centros educativos e as súas contornas.

Isabel Rodríguez, que agradeceu o labor que veñen realizando os axentes das Forzas e Corpos da Seguridade do Estado que se ocupan de impartir as charlas educativas e formativas sobre as distintas temáticas incluídas no Plan Director nos distintos centros da provincia, destacou que é a primeira vez que se constitúen as comisións provinciais.

Tamén fixo fincapé a subdelegada no importante incremento do número de vixilancias realizadas durante o ano 2019 pola Policía Nacional e a Garda Civil nos centros educativos da nosa provincia, xa que foron en total 5.679 fronte ás 3.695 do ano 2018. Froito desa labor de vixilancia foron os 4 puntos de venda de droga desactivados nas contornas dos centros escolares.

Pola súa parte, o director da Alta Inspección de Educación en Galicia fixo unha análise pormenorizado dos datos do Plan Director ao longo do ano 2019.  Durante o pasado ano, 1.086 centros escolares de toda Galicia participaron nas actividades do Plan Director, o que supón máis do 80% do total de centros. Destes, 216 pertencen á provincia de Lugo, 58 situados nas demarcacións ás que dá servizo a Policía Nacional (Lugo, Monforte e Viveiro) e 158 da Garda Civil. O número total de asistentes a estes cursos foi superior aos 130.000 en Galicia, dos cales 16.000 foron da provincia de Lugo. Estas cifras supoñen un incremento de case o 20% con respecto ao exercizo anterior.

Durante este ano 2019 impartíronse un total de 3.630 charlas en centros educativos da nosa Comunidade, das que 440 corresponderon a centros da provincia de Lugo. Destas charlas destacaron en primeiro lugar as referentes á formación para o uso seguro das novas tecnoloxías (1.465), que supuxeron máis do 40% do total; seguidas das que trataron sobre prevención do acoso escolar (759), violencia de xénero (427), drogas e alcol (396).