O subdelegado do Goberno en Ourense reitera a aposta do Goberno central pola industria e a empresa ourensás

O subdelegado do Goberno en Ourense reitera a aposta do Goberno central pola industria e a empresa ourensás

21/02/2020


Emilio González expuxo a posibilidade de ampliar a participación neste órgano de colaboración a outros concellos da provincia que contan con solo industrial.

A xerente de Suelo Empresarial del Atlántico, Beatriz Sestayo, defendeu a necesaria “visión global” da provincia e resaltou que SEA está estudando actuacións na provincia de Ourense.


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, e a xerente de Suelo Empresarial del Atlántico, Beatriz Sestayo, participaron esta mañá na reunión da mesa “Ourense Industrial”, impulsada pola Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao.

Emilio González agradeceu a invitación a participar na citada mesa e reiterou o compromiso do Goberno de España coa industria galega en xeral e coa ourensá en particular a través dos organismos dependentes do mesmo e das diferentes accións que está a levar a cabo.

Así, remarcou, igual que o fixo o Delegado do Goberno, Javier Losada, o pasado día 13 de febreiro, que o proxecto de saneamento do río Barbaña e a mellora da estación depuradora de augas residuais de San Cibrao se atopa no Ministerio de Transición Ecolóxica para a súa revisión final, previa á licitación das obras, e que en breve período de tempo se procederá a convocar unha nova reunión da Comisión de Seguimento da problemática do río Barbaña.

O subdelegado do Goberno tamén fixo referencia ao impacto do Programa de Apoio á Inversión Industrial Produtiva (Plan Reindus), do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, na provincia de Ourense, que subvenciona con 8M de euros catro proxectos industriais nas convocatorias de 2018 e 2019.

Por outra banda, salientou os programas e as xornadas de información sobre oportunidades de negocio que a Dirección Territorial de Comercio e ICEX en Galicia, dependente da Secretaría de Estado de Comercio, pon a disposición das empresas como ferramenta fundamental para lograr incrementar a base exportadora galega. O ICEX presta asesoramento nos procesos de internacionalización ou en temas como o impacto da saída do Reino Unido da Unión Europea, centrándose os principais programas na adecuación do tamaño das empresas ás necesidades da venta no comercio exterior (programa ICEX NEXT), na incorporación do I+D+i e a dixitalización en procesos de internacionalización (programa E-MARKET SERVICES, programa IMPACT+), así como no desenvolvemento do capital humano e na formación en comercio exterior (ICEX/CECO).

Emilio González expuxo igualmente “a posibilidade de ampliar a participación na mesa “Ourense Industrial” a todo o tecido empresarial e a aqueles concellos da provincia que contan con solo industrial e que teñen a necesidade de proceder a ampliacións ou a iniciar a súa posta en funcionamento”.

SUELO EMPRESARIAL DEL ATLÁNTICO

Pola súa banda, a xerente de Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), Beatriz Sestayo, resaltou que esta entidade, xunto á SEPES, se poñen a disposición para colaborar co ámbito empresarial e avanzou que a entidade (dependente nun 84% do Ministerio de Transportes) está a elaborar o I Plan Estratéxico, co que pretenden impulsar o asentamento empresarial.

Neste sentido, Beatriz Sestayo avanzou que SEA está actualmente “estudando distintas actuacións na provincia de Ourense” e abogou pola colaboración institucional e pola “visión global” da provincia para lograr o desenvolvemento empresarial e para abordar as diferentes inversións públicas.

Na xuntanza, explicou as últimas accións desenvolvidas por SEA coas que se trata de impulsar o asentamento de empresas nos seus polígonos, con medidas que facilitan o financiamento das compañías durante os primeiros anos de desenvolvemento, como o Dereito de Superficie.