Isabel Rodríguez agarda que as mascarillas do Goberno cheguen a todos os lucenses que as precisen para acudir ao traballo

ENTREGA DE MASCARILLAS EN SARRIA

13/04/2020



Comezou o reparto de 74.000 mascarillas aos lucenses que deben empregar o transporte colectivo para desprazarse ao traballo

A distribución deste material sanitario empezou nas principais estacións de autobuses e de trenes e nas paradas de buses urbanos

A subdelegada lembra que o uso de mascarillas non é obrigado, pero sí recomendable para protexerse do COVID-19


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, confía en que “as mascarillas enviadas polo Executivo servirán para que todos os lucenses que precisen utilizar o transporte colectivo para desprazarse ao seu posto de traballo dispoñan deste elemento para protexerse”. Así o manifestou hoxe á subdelegada ao comezar o reparto das mascarillas enviadas polo Goberno con destino aos traballadores que non poden teletraballar e deben empregar o transporte público para acudir ao seu posto de traballo.

Isabel Rodríguez explicou que “a primeira hora da mañá comezamos a distribución das mascarillas que proporciona o Goberno aos traballadores. Esta fin de semana recibimos 74.000 mascarillas para os lucenses e hoxe, ás 6.40 horas, empezou o reparto, que se está a facer nos principais puntos de transporte público da provincia”.

A distribución faise nas estacións de autobuses e do tren das principais localidades da provincia, así como en lanzadeiras e paradas de buses urbanos, atendendo aos usuarios das liñas que dan servizo aos polígonos do Ceao, As Gándaras, As Arieiras e o HULA, entre outros destinos.

Ademais de na cidade de Lugo, repartiuse este material sanitario en localidades como Monforte de Lemos, Viveiro, Burela, Foz, Ribadeo, Vilalba, Chantada e Sarria.

A subdelegada lembrou que, como xa aclarou o Goberno, o uso das mascarillas “non é obrigatorio, pero sí recomendable” e destacou a necesidade de que todos nos impliquemos na loita contra ao virus.

Rodríguez puxo de manifesto, neste sentido, a importante colaboración das distintas institucións para chegar ao máximo posible da poboación traballadora e agradeceu o esforzo de todas as persoas que colaboran no reparto deste material sanitario.

O reparto estase a facer, baixo a coordinación da Subdelegación do Goberno, coa participación da Policía Nacional e da Garda Civil e contando co apoio de policías locais e agrupacións municipais de protección civil.