A subdelegada do Goberno recorda aos Concellos da provincia adheridos ao Sistema VioXén a necesidade de renovar os protocolos

A subdelegada do Goberno recorda aos Concellos da provincia adheridos ao Sistema VioXén a necesidade de renovar os protocolos

18/08/2020

  • Os concellos adheridos ao sistema VioXén deberán asinar un novo protocolo de colaboración e convenio para poder incorporar os corpos de Policía Local ao sistema de seguimento dos casos de violencia de xénero.

A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, remitiu esta semana unha carta ás alcaldías dos once concellos da provincia adheridos ao Sistema de Seguimento Integral dos Casos de Violencia de Xénero (Sistema VioXén) para informarlles da necesidade de actualizar os protocolos de cara á súa continuidade nesta rede.

Os concellos que desexen permanecer dentro do sistema deberán renovar o protocolo de colaboración entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a Policía Local. Este documento recolle o reparto de funcións e asignacións de vítimas e debe adecuarse ás referencias normativas actuais. Posteriormente, os municipios adheridos deberán asinar un novo convenio co Ministerio de Interior para poder incorporar os corpos de Policía Local ao sistema de seguimento. A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, lembrou a importancia de renovar estes acordos para que “as forzas e corpos de seguridade local e estatal poidan compartir información e recursos e establecer uns criterios básicos de colaboración e coordinación que permitan optimizar os recursos humanos e materiais para garantir o cumprimento eficaz das medidas xudiciais de protección ás vítimas de violencia de xénero”.

En particular, o novo protocolo delimita as funcións da Policía Local no ámbito da violencia de xénero e define o seguimento e reparto dos casos, o que “permite sumar máis efectivos á protección de vítimas", recalca Larriba.

O Sistema VioXén foi posto en funcionamento no ano 2007 pola Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio de Interior co obxectivo de establecer unha rede nacional que permita o  seguimento e protección de forma rápida, integral e efectiva das mulleres vítimas de malos tratos, e dos seus fillos e fillas, en calquera parte do territorio español, así como de aglutinar ás institucións públicas competentes na materia de violencia de xénero e integrar a información dos diferentes casos. En Pontevedra, son once os concellos adheridos a este sistema: Bueu, Caldas de Reis, Marín, Pontevedra, O Grove, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

1120 casos activos na provincia de Pontevedra

A subdelegada do Goberno informou de que na actualidade na provincia de Pontevedra existen un total de 1120 casos activos rexistrados no sistema VioXén e que durante o primeiro trimestre do ano 2020 interpuxéronse na provincia un total de  521 denuncias e efectuáronse 144 ordes de protección. Larriba sinalou ademais que en Pontevedra están rexistradas un total de 160 usuarias do Servizo de Teléfono de Atención e Protección (Atenpro). Así mesmo, e ata o 30 de xullo de 2020, realizáronse 571 chamadas ao 016 – o teléfono gratuíto de atención as vítimas de violencia machista-. A subdelegada destacou “o notable aumento de chamadas a este teléfono durante os meses de confinamento, pasando dunha media de 60 chamadas nos meses de xaneiro e febreiro ao dobre -unha media de 120-, durante os meses de marzo, abril e xuño”.

Por último, Larriba recordou que “para o actual Goberno de España a violencia de xénero é unha política de Estado absolutamente prioritaria, e por iso, desde a Subdelegación seguiremos impulsando todas aquelas accións encamiñadas a combater esta lacra social en colaboración con todas as administracións”. A subdelegada do Goberno quixo tamén “animar ao resto de localidades da provincia a solicitar a incorporación a un sistema que permite a coordinación e o traballo en rede das diferentes institucións públicas, e que resulta fundamental para o seguimento, protección e asistencia eficaz e de calidade ás vítimas e os seus fillos e fillas”, e subliñou que “a implicación e o compromiso de todas as administracións é esencial para superar a lacra da violencia machista. Unha prioridade vital, literalmente, na que todos e todas debemos sumar”.