Descende a delincuencia en Palas de Rei case un 18% no que vai de ano

Imagen junta local seguridad Palas de Rei

15/10/2020

 Isabel Rodríguez destaca que a evolución da delincuencia en 2020 tamén se ve condicionada polas restricións de movementos para facer fronte á pandemia
 Entre xaneiro e agosto baixaron en Palas de Rei os delitos contra as persoas e o patrimonio, pero aumentaron as infraccións contra a seguridade colectiva e as falsidades


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, informou hoxe de que as estatísticas da Garda Civil reflicten un descenso do 17,95% na cifra de delitos cometidos no que vai de ano no municipio de Palas de Rei. A subdelegada e o alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, copresidiron esta mañá a Xunta Local de Seguridade celebrada na Casa do Concello, na que se analizou a situación da seguridade cidadá no municipio e que contou coa participación de responsables da Garda Civil e o Subsector de Tráfico, a Policía Autonómica e a Policía Local.

 

A subdelegada indicou que nos oito meses que van de xaneiro a agosto deste ano denunciáronse en Palas de Rei 32 infraccións penais, 27 foron por delitos graves ou menos graves e 12 por delitos leves. Son 7 menos que no mesmo período do ano anterior, cando se tivera coñecemento de 39 feitos delictivos cometidos neste concello.

 

Isabel Rodríguez explicou que estamos nun ano atípico, no que mesmo a delincuencia se viu condicionada polas limitacións de movementos establecidas para loitar contra a pandemia do coronavirus. Así, destacou que no que vai de ano en Palas de Rei diminuíron os delitos contra as persoas e o patrimonio, pero aumentaron os delitos contra a seguridade colectiva e as falsidades. A subdelegada tamén destacou o extraordinario traballo que está a desenvolver a  Garda Civil para asegurar o cumprimento da normativa sanitaria sen deixar de velar pola seguridade cidadá.

 

Segundo os datos oficiais Garda Civil, entre xaneiro e agosto rexistráronse en Palas de Rei 10 delitos contra o patrimonio, mentres que o ano pasado foran 11. Houbo 1 delito contra as persoas, fronte aos 4 do mesmo período do ano pasado. Tamén se produciu 1 delito contra a liberdade, mentres que o ano anterior foran 5, e rexistráronse 2 contra a administración de Xustiza, por 4 do exercicio pasado.

 

En cambio, neste tempo aumentaron as infraccións contra a seguridade colectiva, que pasaron de 3 a 6, e tamén as falsidades, de 0 a 1.

 

Ademais, nestes oito meses a Garda Civil detivo en Palas de Rei a 2 persoas e investigou outras 8.

 

VIOLENCIA DE XÉNERO

 

A subdelegada informou así mesmo de que no levamos de ano presentáronse 2 denuncias na Garda Civil por violencia de xénero. En todo o ano 2019 rexistráranse 6 denuncias neste concello.

 

En canto ao sistema VIOXEN de protección das vítimas de violencia de xénero, con data 14 de outubro están dadas de alta 4 casos deste municipio, 3 son de 1 baixo e 1 non apreciado.

 

PLANS DE SEGURIDADE

 

En cando aos plans operativos da Secretaría de Estado de Seguridade, no pasado curso impartíronse 5 charlas para escolares do municipio sobre acoso escolar, riscos na Internet e violencia de xénero e outras 2 tiveron que ser anuladas ao suspenderse as clases pola pandemia do covid-19. Para o novo curso, xa foron solicitadas 2 charlas no IES do Camiño que se levarán a cabo se a situación de alerta sanitaria o permite.