A Subdelegación do Goberno desprega unha pancarta con motivo do 25N

A Subdelegación do Goberno desprega unha pancarta con motivo do 25N

16/11/2020

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, participa na colocación dunha pancarta na fachada do edificio da Subdelegación para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

A subdelegada de  Goberno, Maica   Larriba, participou hoxe na colocación dunha pancarta con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que permanecerá pendurada no exterior da fachada principal do edificio da Subdelegación do Goberno en Pontevedra ata o próximo mércores 25 de novembro.

Maica Larriba lembrou que con este acto simbólico inícianse unha serie de accións, na Subdelegación do Goberno de Pontevedra e no resto de Subdelegacións de Galicia, que teñen como obxectivo contribuír a concienciar sobre unha das “maiores lacras da nosa sociedade, que sofre unha de cada dúas mulleres en España”.

Larriba recordou que a Subdelegación do Goberno organizou este ano unha nova edición do concurso escolar de fotografía e vídeo co gaio do 25N, cuxo prazo de participación pechouse este venres. O próximo xoves 19 de novembro daranse a coñecer os gañadores. “Con este certame buscamos concienciar a xente nova e contribuír a que ás futuras xeracións senten as bases dunha sociedade máis libre e igualitaria”, asegurou a subdelegada.

1.095 casos de violencia de xénero na provincia

A subdelegada do Goberno avanzou tamén que na actualidade “na provincia rexístranse 1.095 casos activos de violencia de xénero”, segundo os datos que constan no Sistema de Seguimento Integral Vioxén. Atendendo a distribución das vítimas por grupos de idade, 7 son menores de 18 anos; 272 teñen entre 18 e 30 anos; 486, entre 31 e 45 anos; 288, entre 46 a 64 anos; e 42, 65 anos ou máis. Ademais, no que vai de ano, o 016 – o servizo gratuíto e telefónico de información e de asesoramento xurídico en materia de violencia de xénero- recibiu 792 chamadas desde a provincia.

Non obstante, a subdelegada advirte que a muller, desgraciadamente, non só sofre violencia por parte da súas parellas sentimentais: “o 6,5 % das mulleres maiores de 16 anos residentes en España sufriron violencia sexual nalgún momento das súas vidas por parte dalgunha persoa coa que non manteñen nin mantiveron ningunha relación de parella. Unha porcentaxe que se eleva ao 13,7 % cando falamos de violencia física. Cifras inadmisibles que evidencian que a violencia machista é unha das grandes rémoras da nosa sociedade”.