Emilio González fai un chamamento á cidadanía para seguir contribuíndo ao descenso dos casos positivos por COVID-19 na provincia de Ourense

Reunión do CECOR

25/11/2020

Na reunión púxose de manifesto a efectividade dos dispositivos de control das forzas e corpos de seguridade dende a entrada en vigor das medidas restritivas da mobilidade para colaborar no descenso do índice de contaxios na provincia


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, presidiu hoxe a reunión do Centro de Coordinación (CECOR) da provincia de Ourense establecido para o seguimento dos dispositivos de seguridade vencellados á actual situación sanitaria e ao estado de alarma.

Na xuntanza deuse conta do levantamento das restricións especiais nos concellos de Verín, Amoeiro e Coles que entrarán en vigor a partir desta medianoite, como xa aconteceu co concello de O Carballiño o pasado 21 de novembro. Así, púxose de manifesto a efectividade dos dispositivos de control levados a cabo polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, pola Unidade do CNP Adscrita á Comunidade Autónoma e polos corpos de Policía Local dos concellos de Ourense, Barbadás, Xinzo de Limia, Ribadavia, O Carballiño e Verín dende a entrada en vigor das medidas restritivas da mobilidade para colaborar no descenso do índice de contaxios detectados na provincia.

Así mesmo e tras constatar un repunte das infraccións con respecto á anterior semana, dende o Centro de Coordinación lembrouse que as entradas e saídas dos ámbitos territoriais con restricións da mobilidade deberán realizarse de acordo coas excepcións contempladas na normativa ditada pola Xunta de Galicia adecuadamente xustificadas.

Igualmente, lembrouse a limitación da liberdade de circulación das persoas en horario nocturno, que no caso de Galicia se mantén entre as 23:00 e as 06:00 horas, horario no que unicamente se poderá circular pola vías ou espazos de uso público para a realización das actividades previstas no Real Decreto 926/2020.

O subdelegado do Goberno sinalou o “cumprimento pola maioría da poboación” das medidas vixentes e agradeceu “a súa comprensión e responsabilidade”, incidindo na importancia de “non relaxar as normas establecidas para conter o virus da COVID-19 e seguir contribuíndo entre todos e todas ao descenso dos casos positivos”.

Na reunión participaron a secretaria territorial da Xunta de Galicia, Silvia Dorado Morales; o tenente coronel da Garda Civil, Rafael López Pinel; o comisario xefe do Corpo Nacional de Policía, Juan Carlos Blázquez Hernández; o xefe da Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma, José Antonio Pérez Estévez; o inspector principal da Policía Local de Ourense, Benjamín González Quintela; o xefe da Policía Local de Xinzo de Limia, Germán Bolaño Villalba; o xefe da Policía Local de Ribadavia, José Luis Vázquez Fernández; e o representante da Policía Local de Barbadás, Pedro Freire Guede.