A Garda Civil demostra aos escolares da Mariña os medios e os servizos que presta á sociedade este corpo de seguridade

Imagen de la exhibición

01/10/2018


A subdelegada do Goberno asistiu ás demostracións, nas que participou por primeira vez o servizo marítimo, e destacou a importancia de que os escolares coñezan o labor que presta á sociedade a Garda Civil

Case un milleiro de escolares de Ribadeo, Trabada e Barreiros déronse cita no porto ribadense para coñecer como funcionan os distintos servizos da Garda Civil

Os alumnos puideron ver os medios e observar o traballo dos servizos marítimo e de montaña, dos cans adestrados, o helicóptero, os axentes de tráfico e do Seprona, entre outros servizos que presta a Garda Civil


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, tomou parte hoxe na primeira actividade programada para este curso escolar na provincia pola Garda Civil dentro do Plan Director para a Convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e os seus contornos. Os actos, que contaron coa colaboración da Policía Local tiveron lugar no recinto portuario de Ribadeo, consistiron nunha exposición de medios e de varias demostracións e contaron coa participación de orredor dun milleiro de escolares de centros educativos de Ribadeo, Barreiros e Trabada.  A subdelegada do Goberno estivo acompañada polos Capitáns Xefes da 4ª e a 1ª Compañía da Comandancia da Garda Civil de Lugo, así como polo alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, e polas respectivas direccións dos centros escolares participantes.

Isabel Rodríguez destacou que ésta foi a primeira vez que participa neste tipo de demostracións na provincia o servizo marítimo da Garda Civil e remarcou a importancia de dar a coñecer á sociedade, sobre todo aos escolares, os distintos servizos que presta a Garda Civil. Ademais, a subdelegada do Gobeno agradeceu a implicación das forzas e corpos da seguridade do Estado para facer posible cada curso académico a celebración de numerosas actividades que se desenvolven nos distintos centros educativos da nosa provincia dentro do Plan Director para a Convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e os seus contornos.

ALUMNOS DE SEIS CENTROS ESCOLARES

Nos actos, celebrados durante toda a mañá no porto de Ribadeo, tomaron parte alumnos do CEIP Gregorio Sanz, o IES Dionisio Gamallo, o CIFP Porta da Auga e o CPR Sagrado Corazón, todos eles de Ribadeo; así como o CEIP Xosé Luis Taboada, do concello de Trabada, e o CEIP San Cosme, situado no municipio de Barreiros.

Os alumnos dos seis centros escolares tiveron ocasión de asistir a exhibicións acuáticas, de cans adestrados, aéreas e de montaña, ademais de coñecer os medios que empregan distintos servizos da Garda Civil, xa que nesta demostración participaron membros da Unidade de Helicópteros, o Grupo de Actividades Subacuáticas, o Servizo Marítimo, especialistas de Montaña, axentes da Agrupación de Tráfico, de Seguridade Cidadá, o Servizo de Protección da Natureza, da Patrulla Fiscal, Tebyl, o Servizo de Intervención Rápida e da Policía Xudicial. 

As demostracións e a exposición estática correron a cargo de persoal dos distintos servizos cos que conta a Garda Civil na comarca da Mariña e tamén doutros procedentes de distintos puntos de Galicia, como A Coruña, Ourense ou Trives. En total, participaron nestas actividades uns corenta axentes.

PLAN PARA A CONVIVENCIA

Ao abeiro do Plan Director para a Convivencia nos centros educativos prográmanse durante o curso académico charlas, impartidas tanto pola Garda Civil como pola Policía Nacional, para a formación dos escolares en temas de especial interese para os nenos e mozos como poden ser a prevención do acoso escolar, os riscos da internet e as redes sociais ou a violencia de xénero.