A subdelegada do Goberno agradece o importante labor da Policía Nacional na protección da seguridade e a liberdade dos cidadáns de Lugo

imagen de los galardonados

02/10/2018


Isabel Rodríguez declárase orgullosa do labor que fan as forzas e corpos de seguridade e asegura que “sempre, en toda circunstancia, a Policía Nacional pon a atención aos cidadáns de Lugo por riba de calquera outra consideración”

O comisario provincial advirte da importancia da prevención, destaca que en Lugo baixan os delictos contra as persoas e o patrimonio, soben as estafas na Internet e a policía mantense alerta polos casos de violencia de xénero

Nove policías, un garda civil e o presidente da Federación de Asociacións de Veciños foron distinguidos coa medalla ao mérito policial


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, destacou hoxe a profesionalidade e dedicación do Corpo Nacional de Policía na provincia e agradeceu o importante labor que fai a Policía Nacional na protección da seguridade e a liberdade dos cidadáns de Lugo. A subdelegada do Goberno e o comisario xefe provincial, Antonio Villamarín, presidiron esta mañá os actos celebrados en Lugo con motivo da festividade dos Ànxeles Custodios, patronos da Policía. Nos actos tamén participaron a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o presidente da Deputación, Darío Campos; o delegado da Xunta,  José Manuel Balseiro; o presidente da Audiencia provincial, José Antonio Varela Agrelo, e o fiscal xefe, Roberto Brezmes, entre outras autoridades.

No seu discurso, a subdelegada do Goberno tivo un recordo para “todos os policías que se ocupan de garantir a seguridade na provincia, tanto aquí na capital, como nas comisarías de Monforte e Viveiro. Non podo estar hoxe con todos, pero sí lles quero transmitir a miña felicitación e os mellores desexos neste día”.

“Xuntámonos hoxe para conmemorar a festividade dos Patróns da Policía Nacional, e esta data tamén nos dá a oportunidade de reflexionar sobre o traballo feito no último ano e sobre cómo mellorar día a día o servizo que prestamos á comunidade. Nos tres meses que levo desempeñando o cargo de subdelegada do Goberno na provincia de Lugo, xa tiven moitas ocasións de comprobar a valía e profesionalidade das nosas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado”, manifestou. Engadiu que “son innumerables os servizos que tedes prestado con éxito á sociedade lucense. Sen ser exhaustiva, basta un pequeno repaso ao traballo feito neste ano para deixar constancia da eficacia do voso servizo á sociedade.

Así o demostran, por poñer só tres exemplos, as operacións que permitiron esclarecer sucesos tan graves e que tanto nos alertaron aos lucenses, como a detención en Benidorm do chamado violador de Augas Férreas.

A detención doutro sospeitoso de cometer varias agresións sexuais tamén na cidade de Lugo. Ou a operación realizada conxuntamente coa Garda Civil que permitiu desarticular unha organización con base en Marrocos na que se aprehendeu máis de 1 tonelada de hachís, a maior intervención desta droga por vía terrestre na operación máis relevante dos últimos anos en Galicia”.

PROFESIONALIDADE E DEDICACIÓN

“Como digo, son só 3 das numerosas intervencións e servizos prestados pola Policía Nacional á cidadanía lucense, que recoñecemos hoxe. Agradecemos a vosa profesionalidade e dedicación, que non fixeron decaer en ningún momento nin os recortes nin a escaseza de persoal. Estes tres meses que levo sendo Subdelegada do Goberno en Lugo foron tempo dabondo para que poida dicir con toda rotundidade que me sinto moi orgullosa da Policía Nacional e da Garda Civil que temos en Lugo. Dos vosos mandos e dos axentes de a pé. Estou orgullosa de vós, do voso comportamento exemplar, a pesar das dificultades e da falta de medios materiales e humáns. Sempre, en toda circunstancia, a Policía Nacional pon a atención aos cidadáns de Lugo por riba de calquera outra consideración”, explicou

A subdelegada remarcou que “o voso traballo éncheme de orgullo. Pero non nos conformamos. Sempre quedan necesidades que atender cando se trata de garantir a seguridade, a convivencia e a liberdade dos cidadáns. Por iso, anímovos a seguir poñendo a vosa intelixencia e a vosa capacidade de traballo, conxuntamente e en colaboración coa Garda Civil e as Policías Autonómica e Local ao servizo dos veciños. Eles son a nosa razón de ser. Pola miña parte, comprométome a traballar co Goberno de España, ao que teño a honra de representar, para que poidades desenvolver o voso traballo nas mellores condicións”.

Tamén dedicou Isabel Rodríguez unha especial mención ao comisario xefe provincial, que está próximo á idade de xubilación “ésta será a túa última celebración en activo do Día dos Ánxeles Custodios e non quero deixar pasar a ocasión de expresarche públicamente o meu agradecemento, pola túa acollida e a túa axuda nestes meses. Pero, sobre todo, polo teu traballo, que é un exemplo para todos nós e moi nomeadamente para as novas xeneracións de Policías Nacionais que, por fin, temos facendo prácticas en Lugo e que tiveron a fortuna de comezar a súa vida profesional facendo as prácticas baixo a túa dirección”.

PREVENCIÓN E EVOLUCIÓN DA DELINCUENCIA

Pola súa parte, o comisario xefe destacou no seu discurso a importancia da prevención e da atención inmediata cando se produce un delicto. Tamén subliñou que “a día 30 de setembro do ano en curso, e comparativamente co mesmo período de 2017, as infraccións penais mantéñense en cifras moi semellantes, polo tanto o labor preventivo dos policías que vedes a diario na rúa está sendo boa, tendo en conta que levamos varios anos reducindo a delincuencia, e , en canto a aqueles delictos que xeneran maior alarma social, como son:

-os delictos contra as persoas, descenden un 14%

-os delictos contra o patrimonio, un 1,5%  e dentro destes, os roubos con forza baixan un 13,5% e os furtos un 16%

Sen embargo, non todo é positivo; así, nas estabas pola Internet hai un incremento moi considerable, onde, desgraciadamente pouco pode facer a policía deste campo da prevención, agás a información que se nos demande por calquera institución ou colectivo para dar a coñecer os riscos que entrañan as redes sociais. Hei de dicirlles que no curso escolar pasado impartimos 38 charlas sobre a materia, en diversos colexios da cidade.

Outro campo moi preocupante e que nos mantén en permanente estado de alerta é o relacionado coa violencia de xénero, que, ao tratarse dunha modalidade delictiva que require dun tratamento especial, esíxenos un seguemento polo miúdo de cada caso para dar resposta á protección das vítimas”.

MEDALLAS AO MÉRITO POLICIAL

Durante o acto foron entregadas as medallas ao mérito policial ao inspector Martín Álvarez Durández; aos subinspectores Marcos Rigueira Rodríguez e Ángel Manuel Parajua Silva, aos oficiais de policía José Antonio Fernández Campos e José Manuel Paredes Silvosa, aos policías Alfonso Díaz Lombardía, José Regueiro Blanco, Miguel Ángel Suárez Álvarez e Ana María Martínez López, ao capitán da Garda Civil Víctor Souto Fernández e ao presidente da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, Jesús Vázquez Varela.