“O Goberno do PP non moveu ningún papel nin deixou ningún euro para construir a nova Comisaría”

Imagen de la reunion de la subdelegada con el comisario de Policia Nacional

22/10/2018


A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, lamenta a “gran irresponsabilidade do PP na xestión dos proxectos para o barrio da Residencia; primeiro venden fume, despois actúan ás agachadas e hoxe saen cunha nova operación de pirotecnia política

Rodríguez reuniuse cos xefes da Policía Nacional e a Garda Civil


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, mantivo hoxe dúas reunións de traballo co Comisario Xefe da Policía Nacional, Antonio Villamarín, e co Coronel Xefe da Garda Civil, Miguel Ángel González Arias, nas que tratou sobre cuestión relacionadas coa seguridade cidadá na provincia.

Logo das xuntanzas, a subdelegada do Goberno volveu reclamar á Xunta que retome os trámites que o Goberno galego paralizou para abordar a construción da nova Comisaría en Lugo.

Ademais, Isabel Rodríguez deixou claro que “o Goberno do PP non moveu ningún papel nin comprometeu un euro para a nova Comisaría”. A subdelegada do Goberno considera “lamentable a gran irresponsabilidade que está a demostrar o Partido Popular na xestión dos proxectos anunciados para o barrio da Residencia, que o leva a protagonizar todo tipo de espectáculos”.

“Primeiro venden fume, despois actúan ás agachadas e hoxe saen cunha nova operación de pirotecnia política para confundir á poboación, todo ao servizo dunha estratexia política que só pretende enganar, unha vez máis, aos cidadáns de Lugo”, declarou a subdelegada do Goberno e remarcou que “a política e as institucións somos un instrumento para resolverlle problemas á xente e os cidadáns de Lugo non merecen ser vítimas da irresponsabilidade dun partido que sacrifica o interese común a unha estratexia política”, quen lembrou que os edificios da Vella Residencia son de titularidade da Tesourería Xeral da Seguridade Social pero continúan estando adscritos á Xunta para fines sanitarios porque o Goberno galego deu marcha atrás aos trámites realizados a principios de ano e deixou sen efecto a retrocesión dos edificios do Pavillón Xeral e da Escola Universitaria de Enfermería.

A anulación da retrocesión dos inmobles acordouna o Consello da Xunta o pasado 31 de maio, xusto antes de que se producirá en España o cambio do Goberno. A Xunta ocultou esa decisión por razóns que aínda hoxe non foron aclaradas. A cidadanía lucense non coñeceu ese acordo do Consello da Xunta ata que o descubriu o novo Goberno.