A subdelegada do Goberno preside a Xunta de seguridade do Rally San Froilán

A subdelegada do Goberno preside a Xunta de seguridade do Rally San Froilán

24/10/2018

Isabel Rodríguez lembra ao público que presenciará a proba a necesidade de permanecer nos lugares acotados para os espectadores, respectar a sinalización e cumprir coas indicacións do persoal encargado da seguridade

Forzas de seguridade, organización e concellos ultiman o dispositivo da 40 edición desta proba automobilística


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, presidiu hoxe a Xunta de seguridade que ultimou o dispositivo que velará pola seguridade na 40 edición do Rally San Froilán. Na xuntanza participaron responsables da Escudería Miño, organizadora da proba, así como da Garda Civil, Subsector de Tráfico, Policía Nacional, Xefatura provincial de Tráfico, Policía Local de Lugo e Protección Civil do Concello de Lugo, ademais de representantes dos concellos polos que discorrerá a proba e da Xunta.

Trala xuntanza, a subdelegada do Goberno fixo un chamamento á organización, aos corredores participantes e moi especialmente a todo o público que se congregará para presenciar o paso do Rally polas estradas da provincia para que sexan respectuosos coa sinalización, cumpran coas indicacións do persoal que se ocupará da seguridade da proba e, no caso dos espectadores, manterse nos espazos acotados para eles.

O 40 Rally San Froilán desenvolverase o día 27 e contará con catro treitos de velocidade, con dúas pasadas por treito, que se correrán en estradas de Meira, Pol, Friol e Outeiro de Rei. Previamente, celebrarase en Lugo a ceremonia oficial de saída, o día 26.