Fomento estudará posibles melloras no proxecto da N-541 ao seu paso por Viascón, no concello de Cerdedo-Cotobade

30/10/2018


A subdelegada do Goberno en Pontevedra, xunto a responsables de Fomento, analizarán as propostas realizadas polo alcalde e a veciñanza para garantir a seguridade viaria na parroquia


A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, mantiveron hoxe unha xuntanza na sede da Subdelegación na que tamén participaron responsables da Demarcación de Estradas de Galicia dependente do Ministerio de Fomento para analizar o proxecto de mellora da seguridade viaria na parroquia de Viascón. Esta xuntanza foi previa a outra celebrada coa asociación veciñal “O Agro” e a comunidade de Montes no que se informou a veciñanza dos acordos adoptados.

Neste encontro, celebrado nun clima de máxima colaboración e entendemento, o alcalde manifestou unha serie de demandas sobre o proxecto de seguridade viaria da N-541 ao seu paso pola parroquia de Viascón. Os responsables de Fomento comprometéronse ao estudo das posibles alternativas e a que o proxecto construtivo non se inicie polo momento.

Este mesmo extremo foi anunciado nunha xuntanza posterior aos portavoces veciñais que mostraron a súa satisfacción pola información facilitada e polo interese da Subdelegación e Fomento en atender as principais reclamacións da veciñanza.

Todos estes extremos serán analizados nunha posterior xuntanza tanto co alcalde como coa veciñanza da parroquia de Viascón.