A subdelegada do Goberno presenta xunto ao reitor da Universidade de Vigo o novo convenio de prácticas asinado entrambas institucións

A subdelegada do Goberno presenta xunto ao reitor da Universidade de Vigo o novo convenio de prácticas asinado entrambas institucións

15/10/2020

O acordo permitirá aos estudantes de Grao e Mestrado desta Universidade realizar as súas prácticas nos diferentes departamentos e dependencias da Subdelegación.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presentou hoxe xunto ao reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa, o novo convenio para a realización de prácticas académicas externas na Subdelegación do Goberno en Pontevedra por parte dos estudantes de Grao e Mestrado da Universidade de Vigo. Acompañaron á subdelegada, a Secretaria Xeral da Subdelegación, María Isabel Alonso, e o seu Vicesecretario, José Antonio González.

Larriba explicou que “o convenio que presentamos hoxe permitirá aos estudantes das titulacións oficiais de Grao e Mestrado que oferta a Universidade de Vigo facer as súas prácticas académicas externas, curriculares ou extracurriculares, nas diferentes áreas de xestión da Subdelegación do Goberno na provincia de Pontevedra”. “É o primeiro convenio desta índole que a Subdelegación asina cunha universidade e estamos moi contentos de brindar aos universitarios da provincia a posibilidade de adquirir novas competencias e coñecementos que lles preparen para o exercicio profesional e que fomenten a súa empregabilidade, así como achegar esta experiencia a aquel alumnado que desexe proxectar a súa carreira na propia Administración Pública”, afirmou a subdelegada.

Segundo establece o convenio, publicado no BOE o pasado mes de agosto, poderán realizar as súas prácticas na Subdelegación de Pontevedra aqueles estudantes que teñan superados o 50 % dos créditos das súas titulacións. A duración das prácticas académicas externas curriculares será a establecida no correspondente plan de estudos do Grao ou Mestrado. Pola súa banda, as prácticas académicas externas extracurriculares terán unha duración mínima de 150 horas e máxima de 750 horas. O número de estudantes que poderán participar no proxecto formativo cada curso escolar non poderá ser superior a 25.

As prácticas estarán supervisadas por un titor académico da propia Universidade e un titor pertencente á Administración, con experiencia profesional e cos coñecementos necesarios para axudar, orientar e fixar o plan de traballo do estudante. “Estou convencida de que a acollida de estudantes na Subdelegación do Goberno suporá unha experiencia enriquecedora non só para o alumnado, no que se refire á súa preparación profesional, senón tamén para os empregados públicos, que poderán compartir experiencias laborais co mundo universitario”, afirmou a subdelegada.

O alumnado que participe neste programa, que será seleccionado pola propia Universidade de Vigo, poderá facer as súas prácticas formativas nas diferentes áreas e dependencias da Subdelegación do Goberno, tales como o Xurado Provincial de Expropiación Forzosa, o Servizo de Asuntos Xurídicos, o Servizo de Asuntos Xerais e Réxime Interior, a Área de Traballo, Inmigración e Estranxeiría, a Oficina de Estranxeiría, a Dependencia de Agricultura e Pesca, o Servizo Médico de Sanidade Exterior, o Laboratorio de control oficial de alimentos de Sanidade Exterior, o Servizo de Inspección farmacéutica e control de drogas ou o Servizo de Inspección de Sanidade Exterior, entre outros.

Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa, agradeceu “á Subdelegación do Goberno o esforzo realizado para levar a término este convenio, que permitirá aos nosos egresados acadar unha formación complementaria que redundará en beneficio da súa carreira profesional futura”.