A Subdelegación do Goberno coloca a súa pancarta con motivo do Día Internacional da Muller

01/03/2021

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, participou esta mañá na colocación dunha pancarta na fachada do edificio da Subdelegación para conmemorar o 8-M.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, participou hoxe na colocación dunha pancarta con motivo do Día Internacional da Muller, que permanecerá pendurada no exterior da fachada principal do edificio da Subdelegación do Goberno en Pontevedra ata o próximo luns 8 de marzo. A subdelegada estivo acompañada pola xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller, Manuela Vilaboy.

Maica Larriba lembrou que con este acto simbólico a Subdelegación do Goberno de Pontevedra únese a conmemoración deste día internacional. “A COVID-19 trouxo consigo novos obstáculos para as mulleres, que se engaden aos de carácter social e sistémico que xa existían antes”, explicou a subdelegada. Larriba advertiu de que “as mulleres enfróntanse hoxe a un aumento da violencia de xénero e das tarefas de coidados non remunerados, así coma a un maior desemprego”. Ademais, lembrou, “as mulleres son maioría naqueles sectores que estiveron e están facendo fronte ao virus en primeira liña”. “Delas nos acordamos, e por todas elas celebramos un ano mais este día fundamental no camiño a un futuro igualitario”, concluíu.