Isabel Rodríguez agradece a Institucións Penitenciarias que destine 20 funcionarios en prácticas a Bonxe e Monterroso

Imaxe funcionarios prácticas Bonxe

07/10/2020

 Na súa benvida benvida aos funcionarios que completarán a súa formación coas prácticas nos dous centros penitenciarios, destaca que axudarán a mellorar a atención aos internos e á súa reinserción social


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, deulle a benvida hoxe aos vinte funcionarios en prácticas destinados á provincia de Lugo por Institucións Penitenciarias, aos que recibiu esta mañá na Subdelegación do Goberno en dous actos diferentes. En primeiro lugar, a subdelegada recibiu aos dez funcionarios e funcionarias que realizarán as súas prácticas no centro penitenciario de Bonxe, acto no que estivo acompañada polo director, José Manuel Pernás, e seguidamente aos outros dez destinados a Monterroso, aos que acompañou o director deste centro penitenciario, Antonio Rivera.

 

Isabel Rodríguez agradeceulle a Institucións Penitenciarias “a súa implicación e o esforzo que supón o envío aos dous centros penitenciarios da provincia dun número tan importante de funcionarios en prácticas, que contribuirán a reforzar os planteis e redundará, ademais, nunha mellor atención aos internos e á súa reinserción social”.

 

A subdelegada felicitounos por ter aprobado a oposición e desexoulles que completen con éxito a súa formación coas prácticas que realizarán nos dous centros penitenciarios da provincia.

 

Tamén lles pediu que traballen con entusiasmo e profesionalidade e que cumpran todas as medidas sanitarias de autoprotección do covid. Precisamente, a subdelegada lembrou que “a situación excepcional provocada polo covid, que  lamentablemente condiciona toda a nosa vida, obrigounos a celebrar este acto por separado e tampouco nos permitiu celebrar coa solemnidade que quixéramos o día da Merced”. Neste sentido, a subdelegada destacou a dedicación do persoal dos centros penitenciarios da provincia nestes últimos meses marcados pola pandemia.