Javier Losada destaca que a criminalidade en Galicia diminúe no terceiro trimestre e acada a mellor cifra dos últimos dez anos

Javier Losada destaca que a criminalidade en Galicia diminúe no terceiro trimestre e acada a mellor cifra dos últimos dez anos

26/11/2020

O delegado do Goberno celebra esta mellora que se dá en tódalas tipoloxías principais

Advirte, pola contra, dun novo incremento das infraccións penais de tipo económico vencelladas ás estafas e ao blanqueo de capitais

“Unha de cada cinco infraccións penais que se cometen en Galicia é unha estafa”, censura

Entre setembro de 2019 e setembro de 2020 coñecéronse en Galicia 6.362 infraccións penais menos que no ano anterior

A criminalidade baixa en tódalas provincias, cun descenso máis notable na da Coruña


O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, destacou que a taxa de criminalidade da comunidade galega acadou en setembro a mellor cifra dos últimos dez anos con 27,3 infraccións penais por cada 1.000 habitantes, un 10% menos que nos doce meses previos. Estas cifras recóllense no balance de criminalidade do terceiro trimestre do ano, que publica hoxe o Gabinete de Coordinación e Estudos da Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio do Interior.

Javier Losada resaltou que Galicia continúa como cuarta Comunidade máis segura do Estado, cunha taxa de criminalidade media 12,4 puntos superior á galega: “Galicia segue a ser unha Comunidade segura, boa para vivir e para traballar”.

Así, tódalas provincias acadan importantes descensos, máis destacable no caso da Coruña, onde a taxa baixa ata o 28,8 (infraccións penais por 1.000 habitantes), case 3 puntos menos respecto ao periodo anterior. Pontevedra acumula un descenso de 2,5 puntos ata os 28,5 casos por cada 1.000 habitantes. En canto a Lugo, descende 1,5 puntos ata o 21,2, e Ourense, rexistra 2,1 puntos menos ata 24,5 infraccións penais por cada 1.000 habitantes.

A taxa de criminalidade en Galicia descende en paralelo á diminución de infraccións penais acumuladas. Entre xaneiro e setembro deste ano os casos coñecidos polos Corpos e Fozas de Seguridade en Galicia foron 53.775, un 10,6% menos que nos tres primeiros trimestres de 2019 (6.362 infraccións menos).

En canto á tipoloxía dos delitos, o delegado do Goberno apunta a un descenso de tódalas categorías principais. Os maiores descensos dánse en roubos e furtos. Tamén diminúen os delitos contra a liberdade sexual.

Pola contra, aumentan as infraccións penais de tipo económico. Javier Losada volveu advertir sobre o crecemento das estafas, principalmente as de tipo bancario: “Hoxe podemos afirmar que unha de cada cinco infraccións penais que se cometen en Galicia é unha estafa”. Así, entre xaneiro e setembro deste ano coñecéronse 13.265 estafas en Galicia, das que 1.232 foron de tipo bancario.