Isabel Rodríguez anuncia que as Forzas de Seguridade manterán a estreita colaboración coa Xunta na aplicación das novas medidas anti-COVID

25/02/2021

 A subdelegada do Goberno destaca o incansable traballo das forzas de seguridade que velan polo cumprimento da normativa sanitaria e pide á cidadanía que non relaxe as medidas de protección

 Desde o 27 de xaneiro, cando se activou a máxima alerta sanitaria, a Garda Civil e Policía Nacional realizaron na provincia 3.198 controis nos que identificaron 36.622 persoas, controlaron 31.572 vehículos e formularon 1.036 propostas de sanción


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, presidiu a xuntanza semanal do Centro de Coordinación Operativo da provincia (CECOR) celebrada este xoves para facer seguemento do operativo de seguridade que traballa na provincia para asegurar o cumprimento das restricións sanitarias contra a pandemia do coronavirus.

 

Na xuntanza, celebrada a última hora da mañá de xeito telemático, tratouse sobre as medidas adiantadas pola Xunta que serán de aplicación na provincia, segundo anunciou, a partir de mañá e tamén se avaliou o traballo realizado polas forzas e corpos de seguridade na última semana. Ademais da subdelegada, tomaron parte na reunión os mandos da Garda Civil, a Policía Nacional, a Policía Autonómica, a Policía Local de Lugo e Protección Civil, xunto con representantes da Subdelegación do Goberno e da Xunta de Galicia.

 

Isabel Rodríguez destacou que as Forzas de Seguridade seguirán a apoiar á Xunta na aplicación das restricións sanitarias previstas no proceso de desescalada, como levan facendo desde o primeiro momento. Froito desa colaboración, desde a entrada en vigor das restricións sanitarias no nivel máximo de alerta, o pasado 27 de xaneiro, a Policía Nacional e a Garda Civil despregaron na provincia de Lugo un total de 3.198 dispositivos, nos que participaron 5.580 axentes.

 

Isabel Rodríguez detallou que, neste período de tempo, a Garda Civil e a Policía Nacional identificaron na provincia un total de 36.622 persoas, controlaron 31.572 vehículos e formularon 1.036 propostas de sanción polo incumprimento das restricións que tiña marcadas a Xunta.

 

A subdelegada eloxiou o incansable traballo que levan a cabo na provincia as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, en coordinación coa Policía Autonómica e as Policías Locais,  para asegurar o cumprimento das medidas establecidas polas autoridades sanitarias.

 

Isabel Rodríguez insistiu na necesidade de que, a pesar da tendencia a mellor na evolución da pandemia, a cidadanía manteña todas as precaucións que recomendan as autoridades sanitarias e que non relaxe as medidas de protección, polo que apelou, de novo, á cidadanía para que siga a cumprir, como están a facer a gran maioría dos lucenses, a normativa establecida.