A Subdelegación do Goberno celebra o 8M cun vídeo conmemorativo

08/03/2021

Maica Larriba presentou hoxe unha peza audiovisual co gaio do Día Internacional da Muller ao tempo que lembrou a necesidade de “seguir traballando para conseguir unha igualdade real entre homes e mulleres”.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra presentou de maneira telemática esta mañá un vídeo elaborado para conmemorar o Día Internacional da Muller e que recolle as reflexións dun conxunto de mulleres e homes da provincia que desde os seus respectivos ámbitos ou ben romperon o “teito de cristal” ou desenvolven un traballo directo sobre a muller e a protección dos seus dereitos.

Durante a súa intervención, Larriba fixo fincapé na necesidade de que as Administracións continúen “traballando incansablemente cara á igualdade real entre mulleres e homes, cara á consecución dos mesmos dereitos, responsabilidades e oportunidades, de forma que salvemos as distintas brechas de xénero que nos afastan dunha sociedade máis xusta e equilibrada”.

A subdelegada lembrouse tamén de todas as mulleres que, neste último ano, traballaron en primeira liña nos centros sanitarios, nos servizos de axuda no fogar dos concellos, nos CIM (Centro de Información á Muller) e nos servizos sociais municipais.

Así mesmo, destacou “o incuestionable e extraordinario labor de todas as mulleres que compatibilizaron os seus horarios laborais en casa co teletraballo, atendendo a fillas e fillos escolares, ou a persoas maiores dependentes, moitas veces dobrando ou triplicando a súa carga de traballo; mulleres do ámbito rural que se viron de súpeto sen esa axuda para o coidado dos seus familiares dependentes e sen outro recurso que lles facilitase o coidado e a vida laboral; mulleres do sector servizos que foron as primeiras despedidas ou as primeiras que se viron obrigadas a abandonar o seu posto de traballo para atender a menores que estiveron na casa durante o período escolar”.

Para Larriba “esta pandemia deunos unha lección e mostrounos as nosas debilidades como sociedade; por iso este 8 de marzo, é necesario reivindicar o movemento feminista por unha igualdade efectiva non só como un dereito fundamental, senón, como sinala o Obxectivo 5 dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030, a igualdade como un dos fundamentos esenciais para construír un mundo pacífico, próspero e sostible”.

A subdelegada do Goberno chamou tamén a atención sobre o preocupante aumento da violencia de xénero desde que se iniciou a pandemia, que supuxo un crecemento exponencial das chamadas ao teléfono gratuíto 016. Na nosa provincia, segundo os datos da Delegación do Goberno contra a violencia de xénero, en 2019 fixéronse 890 chamadas a este teléfono de axuda, sen embargo, en 2020 chegaron a rexistrarse 1.091 chamadas, o que supón un incremento interanual do 22,58 %. Datos que, en palabras da subdelegada, avalan “a necesidade de seguir celebrando este día”.

Enlace ao vídeo:

https://www.facebook.com/DelegaciondelGobiernoenGalicia/posts/168726645066200

Relación de participantes:

No vídeo conmemorativo participaron, ademais da propia subdelegada, as/os seguintes profesionais:

  • Estíbaliz Palma Varona, comisaria provincial do Corpo Nacional de Policía
  • Belén  Rubido de la Torre, maxistrada do penal especializada en violencia de xénero, xuíza decana en Pontevedra.
  • Marta Estrada Ibars, directora Provincial do SEPE
  • Mª Teresa Delgado Pérez, directora do Centro Penal de A Lama
  • Emma Torres Romay, decana da Facultade de Ciencias Sociais  e da Comunicación da Universidade de Vigo.
  • Águeda Gómez Suárez, responsable da Unidade de igualdade da Universidade de Vigo
  • José Ángel Ruibal Pérez, inspector principal e responsable do Grupo VioXén de Pontevedra, 
  • Mª Elena  Molanes Piñeiro, directora do Centro de Emerxencias de Vigo para mulleres vítimas de violencia de xénero ( CEMVI)
  • Verónica Marcos Lanzo, presidenta da Federación de asociacións de mulleres rurais de Galicia (Fademur).    
  • Montserrat González García, presidenta da Asociación de  CIMs de Galicia (Asocim)
  • Carolina Pousada González e Miguel Ángel Rodríguez Fernández, docentes do Ciclo Superior de  Igualdade de  Xénero  do  CIFP A Xunqueira de Pontevedra.