A Policía Nacional e a Garda Civil realizaron más de 5.000 controis na provincia durante as dúas primeiras semanas de marzo

16/03/2021

A subdelegada do Goberno presidiu esta mañá a xuntanza do Centro de Coordinación Operativa (CECOR) na que se fixo balance dos controis de vixilancia realizados durante os últimos 15 de días. 

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu hoxe unha nova reunión por videoconferencia do Centro de Coordinación (CECOR) provincial establecido para o seguimento dos dispositivos de seguridade vencellados á actual situación sanitaria. Ao encontro asistiron o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal; o comisario xefe da Comisaría de Vigo-Redondela, Carlos Valcárcel; a comisaria provincial de Pontevedra, Estíbaliz Palma; o inspector xefe da Policía Autonómica, Diego González; a inspectora xefa UPA-Vigo, Sheila González; e o xefe territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, Ramón Pereiro.

Durante a reunión, as Forzas e Corpos de Seguridade fixeron balance das actuacións levadas a cabo durante os últimos quince días para vixiar o cumprimento das medidas aprobadas pola Xunta de Galicia o pasado 25 de febreiro. En total, do 1 ao 15 de marzo, a Garda Civil e a Policía Nacional levaron a cabo 5.348 dispositivos de control e vixilancia sanitaria nos que participaron 4.386 axentes, se identificaron a 26.705 persoas, se controlaron 17.297 vehículos e se elevaron 586 propostas de sanción.

No que respecta á Garda Civil, este corpo realizou durante os últimos seis días 4.978 controis nos que participaron 2.872 efectivos. Nestes operativos 21.848 persoas foron identificadas, 16.483 vehículos foron controlados e 331 persoas foron sancionadas. En particular, no ámbito da hostalaría, a Garda Civil realizou 4.277 controis e interpuxo 130 sancións.

Pola súa banda, a Policía Nacional levou a cabo 370 controis na provincia que contaron coa participación de 1.514 axentes. Nestes dispositivos foron identificadas un total de 4.857 persoas e 814 vehículos, e se elevaron 255 propostas de sanción. Na hostalaría, a Policía Nacional realizou 934 controis e elevou 23 sancións.

No encontro, os responsables policiais fixeron balance das primeiras semanas en vigor das medidas aprobadas pola Xunta de Galicia. En liñas xerais, Larriba destacou que “o comportamento da cidadanía e da hostalaría foi bo, tal e como evidencia o número de denuncias interpostas, unha cifra moi baixa”.

A subdelegada avanzou tamén que os corpos de seguridade continuarán esta semana coas labores de prevención fronte á COVID-19, levando a cabo controis e dispositivos adaptados á nova normativa autonómica que previsiblemente se acordará hoxe, e que vixiarán, de maneira especial, o cumprimento das medidas na hostalaría, así como o peche perimetral da comunidade autónoma durante a ponte de San Xosé. Neste sentido, Larriba detallou que “durante os días festivos vaise facer un seguimento especial da hostalaría, unha vez que a Xunta clarifique  os novos horarios, pero tamén vaise a controlar nas zonas  costeiras a residencia dos veciños e veciñas, para comprobar que se está a respectar o peche da Comunidade”.

Por último, Larriba quixo apelar “á responsabilidade individual de todos e todas, xa que aínda que os números son bos, non nos podemos confiar”.