Isabel Rodríguez destaca o traballo da Garda Civil e a Policía Nacional para garantir a seguridade da Volta Ciclista

Imagen subdelegada con Guardia Civil

04/11/2020

• A subdelegada reuniuse cos mandos das forzas de seguridade antes da saída da etapa Lugo-Ourense

• Rodríguez tamén mostrou a súa solidariedade con Eva Giménez, unha nai coraxe que acompaña a Volta para recadar fondos con destino aos afectados pola enfermidade de Dent, que sofre o seu fillo Nacho


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, expresou a súa felicitación aos integrantes da Garda Civil, a Agupación de Tráfico da Garda Civil e a Policía Nacional polo traballo que están a realizar coa finalidade de garantir a seguridade da Vuelta 2020.

 

A subdelegada reuniuse esta mañá cos mandos da Garda Civil e a Policía Nacional que acompañan aos ciclistas, antes do comezo da 14ª etapa, que saíu de Lugo e tamén percorre estradas de Guntín, Monterroso, Antas de Ulla, Chantada, O Saviñao, Monforte de Lemos e Pantón ata chegar á meta situada en Ourense.  

 

Axentes da Garda Civil, do Subsector de Tráfico e da Policía Nacional da provincia, así como a Policía Local e Protección Civil, reforzaron hoxe o dispositivo de seguridade que acompaña a Volta, que está composto por 130 efectivos da Garda Civil e 75 da Policía Nacional.

 

APOIO Á VOLTA DE EVA

 

Isabel Rodríguez que participou, xunto co concelleiro de Deportes de Lugo, Miguel Fernández, no acto oficial de saída da carreira da capital lucense tamén tivo ocasión de expresarlle o seu apoio e solidariedade a Eva Giménez, unha nai barcelonesa que coincidindo coa Volta está a realizar unha carreira solidaria para recadar fondos con destino aos afectados pola enfermidade de Dent, unha enfermidade rara que sofre o seu fillo de dez anos Nacho.

 

Na Volta de Eva, que hoxe recibiu un donativo feito por axentes da Garda Civil, esta nai coraxe realiza os últimos 20 km de cada etapa na compañía dun ciclista famoso. Hoxe conta co apoio de Ezequiel Mosquera.