Javier Losada anuncia que o Goberno financiará con 300.193 euros a liña de envasado de vacinas contra a COVID-19 do Grupo Zendal, en O Porriño

Javier Losada anuncia que o Goberno financiará con 300.193 euros a liña de envasado de vacinas contra a COVID-19 do Grupo Zendal, en O Porriño

23/11/2020

O delegado do Goberno destaca a proposta deste grupo biotecnolóxico, que segue a poñer Galicia no mapa internacional da loita contra a COVID

Zendal foi seleccionado para o envasado das vacinas elixidas pola CEPI (Coalición para a Promoción de Innovacións para a Preparación ante Epidemias) para a súa distribución en Europa

Javier Losada lembra que o envasado é unha parte vital, crítica, da fabricación dunha vacina


O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, anunciou hoxe que o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo concedeu unha subvención de 300.193 euros ao grupo Zendal para o desenvolvemento dunha liña de envasado de vacinas contra a COVID-19.

O Ministerio fixo pública a resolución definitiva da convocatoria do Plan de Axudas Covid, que financiará 47 proxectos vencellados á fabricación de productos hixiénico-sanitarios relacionados coa pandemia.

Javier Losada destaca este novo apoio do Goberno de España ao esforzo desta empresa biofarmacéutica de orixe galega, que coloca a Galicia no mapa internacional da loita contra o coronavirus “xogando un papel clave na solución á actual crise sanitaria como referente de fabricación de vacinas”.

O delegado, quen visitou as instalacións do grupo xunto co ministro de Sanidade, Salvador Illa, hai varias semanas, lembrou que esta empresa fará o envasado da vacina seleccionada pola CEPI (Coalición para a Promoción de Innovacións para a Preparación ante Epidemias) para o subministro na UE: “a previsión é que se envasen máis de medio millón de dosis de vacinas, e esta aportación do Goberno quere contribuir a facelo posible”. Javier Losada apuntou que “o envasado é unha parte vital, crítica, da fabricación dunha vacina, pois permite achegar o antíxeno de xeito seguro e eficaz ao paciente”.

Ademáis, o delegado lembrou que a filial de Zendal, Biofabri, foi elixida en setembro pola compañía americana Novavax para a producción industrial do antíxeno da súa vacina en Europa, un feito, que representa un gran reto e un recoñecemento a todo o esforzo do seu equipo.