A Delegación do Goberno en Galicia oferta 122 servizos da Administración do Estado que se poden facer electronicamente

05/02/2021

A través da Carta de Servizos Electrónicos publicada na páxina web

Trátase de procedementos relacionados coa actividade da Delegación do Goberno e integra tamén os ofertados pola Subdelegación do Goberno na Coruña

Funciona como un relatorio actualizado dos trámites que se poden facer de xeito telemático, con enlaces directos aos mesmos

Os servizos electrónicos ofrecen dispoñibilidade horaria completa e sen cita previa facilitando a relación do cidadán coa Administración, esencial nestes momentos de pandemia


A Delegación do Goberno en Galicia vén de publicar a súa Carta de Servizos Electrónicos na que se ofertan 122 servizos da Administración Xeral do Estado relacionados coas actividades deste organismo que se poden realizar en liña. Unha das grandes  vantaxes dos servizos electrónicos é a súa dispoñibilidade as 24 horas do día todos os días do ano, evitando con iso as limitacións horarias ás que se suman agora as restriccións de aforo e petición de cita previa que requiren moitos servizos da Administración.

Esta carta de servizos electrónicos, na dobre versión en galego en en castelán, ten unha vixencia ata 2024, unha vez foi aprobada polo Ministerio de Política Territorial e Función Pública.

Hai que destacar que, nesta ocasión, integra os servizos da Delegación do Goberno e da Subdelegación do Goberno na Coruña. Inclúe, ademais dos servizos habituais, unha serie de servizos que teñen en conta as características especiais da Delegación e Subdelegación (como os relacionados co sector marítimo) e outros que se consideran relevantes para complementar a actividade.

A Carta de Servizos Electrónicos ofrece unha relación detallada de todos os servizos telemáticos que proporciona actualmente a Delegación/Subdelegación da Coruña con ligazóns directas ao trámite ao que fai referencia. Ofértanse ás persoas usuarias da carta un total de 122 servizos diferentes agrupados en 18 apartados distintos, en relación co contido competencial ou materia á que se refira: información ao cidadán, servizos de extranxeiría, sanidade animal e vexetal, homologación de títulos académicos extranxeiros e expedición de títulos, vacinación internacional, trámites de expropiacións vencelladas a proxectos estatais e autorizacións e sancións administrativas, entre outros.

O formato desta relación permite un acceso sinxelo e rápido ao propio servizo ofertado, ben picando sobre o símbolo de información ou sobre a palabra ACCEDER que se reflicte a continuación de cada trámite, ao obxecto de reducir as dúbidas sobre o lugar concreto onde se atopa a información ou o propio servizo ou procedemento concreto. Tamén aclara se o procedemento require de identificación dixital ou é aberto e os requisitos que debe ter a conexión, sexa a través dun ordenador persoal ou a través dun dispositivo móbil.

Accede á Carta de Servizos Electrónicos na páxina web da Delegación do Goberno en Galicia