Maica Larriba subliña o compromiso do Goberno coa promoción do talento feminino na ciencia

11/02/2021

A subdelegada do Goberno mantivo esta mañá un encontro por videoconferencia coas responsables da Misión Biolóxica de Galicia, o Centro Oceanográfico de Vigo e o Instituto de Investigacións Mariñas co gaio da celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.

Pontevedra, 11 de febreiro de 2021.- A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, mantivo esta mañá un encontro por videoconferencia coas responsables dos principais organismos científicos adscritos á Administración Xeral do Estado na provincia. Co gaio da celebración no día de hoxe do Día Internacional da Muller a Nena na Ciencia, Larriba conversou con Elena Cartea, directora da Misión Biolóxica de Galicia, Montse Pérez, directora accidental do Centro Oceanográfico de Vigo, e Eva Balsa, vicedirectora de investigación do Instituto de Investigacións Mariñas sobre a presenza e promoción do talento feminino nestes organismos.

Na actualidade, as mulleres representan o 57,72 % do persoal dos tres centros, unha cifra moi superior á media doutros organismos científicos nacionais. Neste sentido, a Misión Biolóxica de Galicia, que realiza unha labor punteira no ámbito das Ciencias Agrarias e atópase na actualidade dirixida por unha muller, conta con máis mulleres que homes no seu plantel, un 61,8 %. Pola súa parte, no Centro Oceanográfico de Vigo, pertencente ao Instituto Oceanográfico Español, as mulleres supoñen o 66 % do seu persoal. Así mesmo, no Instituto de Investigacións Mariñas, á cabeza das investigacións no ámbito pesqueiro, as mulleres representan o 45,38 % do total do persoal investigador contratado.

Para a subdelegada do Goberno, “Montse Pérez, Elena Careta, Eva Balsa e as demais investigadoras destes tres organismos son un exemplo do talento feminino na ciencia, e a súa visibilización resulta fundamental para inspirar futuras vocacións entre as nenas e mozas da provincia”.

Compromiso coas mulleres científicas

Durante o encontro, a subdelegada lembrou tamén “o compromiso deste Goberno co fomento das  vocacións das nenas polas carreiras denominadas STEM –Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas- e por avanzar en políticas de conciliación e en medidas de formación en igualdade de xénero no eido do I+D+I”.

Deste xeito, recordou que o Executivo aprobou en 2019 o Real Decreto-Lei de medidas urxentes no ámbito da Ciencia, a Tecnoloxía, a Innovación e a Universidade, que permitiu que as situacións de maternidade non penalicen nos procesos de selección e avaliación nas convocatorias de proxectos I+D, así como a creación en 2018 do Observatorio “Mulleres, Ciencia e Innovación”. Larriba tamén lembrou que o Ministerio de Educación elabora desde o ano 2019 diferentes informes relacionados coa brecha de xénero e promove diversas iniciativas e programas para fomentar o interese de nenas e mozas nas carreiras do ámbito STEM.

As mulleres científicas, líderes na loita contra COVID-19

O Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia é unha iniciativa promovida pola ONU para lembrar o papel fundamental que teñen as mulleres e as nenas na ciencia. A celebración deste ano céntrase no tema "As mulleres científicas, líderes na loita contra COVID-19".  Neste sentido, Larriba quixo destacar que, en España, as científicas do CSIC lideran máis do 50 % dos proxectos de investigación neste tema tan crucial dentro da Plataforma Saúde Global e naqueles que se desenvolven, con financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación, no Centro Nacional de Biotecnoloxía.