A subdelegada do Goberno preside a xura de cargo dos novos inspectores de Policía Nacional en Vigo

19/02/2021

Un total de 6 funcionarios xuraron hoxe o seu cargo de inspectores de Policía Nacional na Comisaría de Vigo.

A subdelegada do Goberno, Maica   Larriba, presidiu esta mañá a cerimonia de xura do cargo dos novos inspectores de Policía Nacional en Vigo, un acto no que estivo acompañada polo comisario superior de Policía de Galicia, José Luis Balseiro, a comisaria provincial de Pontevedra, Estíbaliz Palma, e o comisario xefe da Comisaría de Vigo-Redondela, Carlos Valcárcel.

Durante a súa intervención, a subdelegada do Goberno quixo, en primeiro lugar, trasladar os seus parabéns aos novos inspectores, así como lembrarlles o rol que lles designa a Constitución. “Estou segura de que sempre os moverá a misión de protexer o libre exercicio dos dereitos e liberdades da cidadanía do noso país”, afirmou.

Así mesmo, Larriba destacou o labor desempeñado pola Policía Nacional ao longo do ano pasado debido a situación da pandemia na nosa provincia, subliñando a súa posición “á beira da cidadanía, informando e asesorando, pero tamén sancionando a aqueles que de maneira desprezativa incumprían a normativa sanitaria poñéndonos a todos en risco”. Do mesmo xeito, a subdelegada recordou o valor de todos os axentes que permaneceron nas rúas mentres o resto da sociedade permanecía confinada, “por este traballo, esta provincia sempre estará en débeda convosco”.

A subdelegada expresou tamén a súa preocupación polo comportamento de determinados grupos illados que reclaman os seus dereitos usando a violencia, ao tempo que lembrou que “os cidadáns e cidadás deste país saben que a esta non é unha forma de defender as ideas e, desde logo, como subdelegada deste Goberno, pero sobre todo como cidadá, sempre a rexeitarei”.

Así  mesmo, a subdelegada  fixo referencia a certos comportamentos deleznables que se  puideron observar  na última semana nunha localidade no sur do país, “protagonizados por membros do  voso  corpo,  pero que non  vos representan nin representan o voso traballo”.

Ademais, a subdelegada lembrou o compromiso do Goberno de España con este corpo, que materializouse no mantemento durante este ano da taxa de reposición nas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado no 115 por cento para ir recuperando a diminución de efectivos que se produciu outrora e co acordo salarial de 2018 para a equiparación salarial, “dous obxectivos básicos para dignificar o voso traballo que finalmente se fixeron realidade”.

Por último, Larriba concluíu facendo partícipes aos novos inspectores “da necesidade dun plus de traballo sobre a principal secuela que temos na nosa sociedade: a violencia machista. Sodes a punta de lanza desta guerra que loitamos sen cuartel e que aínda nos sobresalta cada vez que unha muller é asasinada polo simple feito de ser muller”.

Unha ducia de novos inspectores na provincia

En total son 12 os funcionarios pertencentes á trixésimo segunda promoción da escala executiva da Policía Nacional que hoxe xuraron os seus cargos de inspectores na provincia -seis en Vigo e seis en Pontevedra., mellorando así os recursos humanos e a xerarquía de postos intermedios no territorio provincial.