Conferencia para Asuntos Relacionados coa Unión Europea

O proceso de participación das Comunidades Autónomas foi ampliándose progresivamente a partir da creación da Conferencia de Asuntos Relacionados coa Unión Europea (CARUE), que celebra a súa primeira reunión en 1989. Os avances máis importantes son os seguintes:

 

  • A CARUE adoptou en 1994 o “Acordo sobre Participación Interna das Comunidades Autónomas nos asuntos comunitarios europeos a través das Conferencias Sectoriais”. Con este Acordo, as Comunidades Autónomas comezaron a participar na formación da vontade estatal perante as institucións europeas (a chamada “fase ascendente” do proceso), xa que ata entón as Comunidades Autónomas unicamente participaban na execución do Dereito comunitario (é dicir a “fase descendente” do mesmo).
  • En 1997, apróbase a Lei 2/1997, do 13 de marzo, pola que se regula a Conferencia de Asuntos Relacionados coas Comunidades Europeas, co que a regulación da CARUE, a súa composición, funcións, etc., adopta rango de lei. A continuación, o 5 de xuño de 1997, a CARUE aproba o seu Regulamento interno. Neste mesmo ano a CARUE adopta o seu primeiro acordo sobre participación das Comunidades Autónomas nos comités da Comisión Europea, que establece que un representante autonómico, actuando en nome de todas as Comunidades Autónomas, intégrase na Delegación española que participa nas reunións dos comités que asisten á Comisión, no exercicio do seu labor de execución dos actos adoptados polo Consello.
  • O 9 de decembro de 2004, a CARUE adopta o Acordo que lles abre definitivamente ás Comunidades Autónomas a participación en 4 formacións do Consello da Unión Europea, en concreto os Consellos de Ministros de: Emprego, Política Social, Sanidade e Consumidores; Agricultura e Pesca; Medio Ambiente; e Educación, Xuventude e Cultura. O sistema de representación autonómica lévase a cabo mediante a incorporación á Delegación española dun membro, con rango de Conselleiro, ou membro dun Consello dun Goberno autonómico, que representa todas as Comunidades nos asuntos que afectan ás súas competencias. O Pleno das Conferencias Sectoriais concernidas polos asuntos a tratar designa o representante autonómico, debendo asegurarse tanto a estabilidade (cubrindo cada Comunidade un semestre como mínimo) como a sucesión dos representantes propostos polas distintas Comunidades Autónomas.
                      
O representante autonómico designado asume a concertación coa Administración Xeral do Estado, e comprométese a pór a disposición do resto de Comunidades Autónomas a documentación completa sobre o asunto, a mantelas regularmente informadas sobre as negociacións, e a consensuar unha posición común co resto de Comunidades Autónomas afectadas. O representante autonómico é membro de pleno dereito da Delegación española a todos os efectos, pudendo solicitar o uso da palabra cando se debatan cuestións que afecten ás competencias autonómicas e exista unha posición común autonómica.
  • Nesa mesma data do 9 de decembro de 2004, a CARUE adopta outro Acordo relevante sobre a Consellería para Asuntos Autonómicos na REPER, á que incorpora dous Conselleiros Autonómicos designados por consenso pola propia CARUE.
  • Por último, na reunión da CARUE celebrada o 12 de decembro de 2006 acordouse unha Guía de Boas Prácticas que establece un sistema de transmisión de información ás Comunidades Autónomas, delimita os criterios empregados para a designación do representante autonómico nos Consellos de Ministros, e regula a coordinación entre as Comunidades Autónomas, e entre estas e o Goberno de España.
  • Na reunión da CARUE celebrada o 15 de abril de 2010 aprobouse un Plan anual para a Conferencia que inclúe, entre os seus diversos contidos, o estudo da posible ampliación da participación autonómica en novas formacións do Consello.
Por outra parte, hai que destacar que os Estatutos de nova xeración, aprobados a partir de 2006, regulan de maneira detallada, aínda que non coa mesma extensión, as relacións das Comunidades Autónomas coas Institucións da Unión Europea, de acordo coa lexislación estatal. Os Estatutos recollen determinadas facultades das Comunidades Autónomas, cando resulten afectados as súas competencias ou intereses, tales como:  
  • Participar na formación da posición negociadora do Estado español perante a Unión Europea.
  • Participar nas delegacións españolas perante as institucións europeas e en especial perante o Consello de Ministros.
  • Dirixirlle ao Estado as observacións e propostas que estimen convenientes en relación a iniciativas, propostas, proxectos normativos e decisións en tramitación na Unión Europea, así como o dereito a ser informadas de tales proxectos.
  • Desenvolver e executar o dereito da Unión Europea nas materias das súas competencias.