O subdelegado do Goberno en Ourense avanza un reforzo dos dispositivos de control ante a implantación de medidas restritivas da mobilidade nos concellos de O Carballiño, Boborás e O Irixo

O subdelegado do Goberno en Ourense avanza un reforzo dos dispositivos de control ante a implantación de medidas restritivas da mobilidade nos concellos de O Carballiño, Boborás e O Irixo

14/10/2020

Na xuntanza analizouse a coordinación da participación e da actuación das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a colaboración co corpo de Policía Local de O Carballiño con motivo da entrada en vigor de novas medidas nestes concellos ante a evolución da COVID-19


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, presidiu esta mañá unha nova reunión do Centro de Coordinación (CECOR) seguindo a liña de comunicación e colaboración coa Comunidade Autónoma de Galicia. Na mesma abordouse a coordinación da participación e a actuación das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, así como a colaboración co corpo de Policía Local do concello de O Carballiño, tendo en conta a aplicación das medidas restritivas da mobilidade adoptadas pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia ante a evolución da COVID-19 nos municipios de O Carballiño, Boborás e O Irixo que entrarán en vigor a partir das 00:00 horas do xoves, 15 de outubro.

O subdelegado do Goberno incidiu no reforzo que se realizará dos dispositivos de control para restrinxir a mobilidade na unidade perimetral dos concellos de O Carballiño, O Irixo e Boborás, tanto nas vías principais como nas vías secundarias. Unha vez que as medidas acordadas entren en vigor os seus habitantes non se poderán desprazar fóra deles, agás por motivos laborais, educativos e sanitarios.

Estes operativos levaranse a cabo de maneira coordinada entre efectivos da Garda Civil, do Subsector de Tráfico, da Unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Comunidade Autónoma e do corpo de Policía Local de O Carballiño, permanecendo vixentes mentres se manteñan as medidas acordadas pola Consellería de Sanidade.

Emilio González salientou que os operativos previstos nesta reunión, así como os que están en marcha nos concellos de Ourense e Barbadás, foron deseñados para que non exista merma do resto de servizos que prestan as forzas e corpos de seguridade do Estado, polo que quixo trasladarlles o seu recoñecemento  persoal e institucional polo esforzo e polo traballo realizado. O subdelegado do Goberno lembrou que “as forzas e corpos de seguridade do Estado velan dende o primeiro día da pandemia pola saúde e seguridade da cidadanía e así o van seguir facendo”.

Na xuntanza tamén se puxo de manifesto a necesidade de seguir extremando todas as recomendacións en materia de protección sanitaria, así como as medidas relativas ao cumprimento da distancia social e de limitación de aforos, considerando prioritario apelar á cidadanía a manter a imprescindible responsabilidade individual para poder seguir avanzando na loita contra o coronavirus.

Á reunión, celebrada na Subdelegación do Goberno, asistiron a secretaria territorial da Xunta de Galicia, Silvia Dorado Morales; o tenente coronel xefe da Comandancia da Garda Civil de Ourense, Rafael López Pinel; o xefe da Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma, José Antonio Pérez Estévez; e o xefe da Policía Local de O Carballiño, Francisco Valeiras Baranda.