Os accidentes con algún tipo de ferido descenderon nun 27 % durante o ano 2020 nas estradas da provincia

Os accidentes con algún tipo de ferido descenderon nun 27 % durante o ano 2020 nas estradas da provincia

02/02/2021

24 persoas perderon a vida na carreteira, o mesmo número que o ano pasado. O número de peóns falecidos descendeu nun 60 %.

A subdelegada de  Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presentou esta mañá o balance de tráfico do ano 2020 na provincia acompañada polo capitán xefe do subsector de tráfico da Garda Civil en Pontevedra, Antonio Pérez Piteira, nun encontro cos medios de comunicación que realizouse de xeito telemático.

Maica Larriba informou de que 24 persoas perderon a vida o ano pasado nas estradas da provincia. Unha cifra igual á rexistrada no ano 2019. Non obstante, e segundo o balance provisional de siniestralidade viaria elaborado pola Xefatura Provincial da Dirección Xeral de Tráfico, o número global de accidentes con vítimas viuse reducido. A subdelegada informou de que nos últimos doce meses “os accidentes con algún tipo de ferido descenderon nun 27 %”. Neste sentido, os accidentes con feridos graves reducíronse nun 26 %, un descenso que alcanza o 33 % no caso de accidentes con feridos leves.

Os meses nos que se produciron un maior número de accidentes de tráfico foron os de xullo, agosto e setembro. Segundo explicou a subdelegada, “xullo foi, con diferenza, o peor mes do ano 2020 con 7 falecidos, 18 feridos graves de 152 feridos leves”.

A subdelegada subliñou tamén que o 38 % dos falecidos nun accidente viario durante o ano pasado eran usuarios vulnerables. En total, perderon a vida nas estradas da provincia 1 ciclista, 6 motoristas e 2 peóns. O número de peóns falecidos no ano 2020 é un 60 % inferior ao do 2019, ano no que 5 peóns perderon a vida nun sinistro viario.

O maior número de falecementos rexistrouse no grupo de idade comprendido entre os 35 e 44 anos. O 35 % dos falecidos durante o ano pasado tiña esta idade, sendo homes nun 66 % dos casos. A meirande parte dos accidentes con falecidos producíronse pola tarde, sendo os luns, os xoves e os sábados os días nos que se contabilizaron un maior número de decesos.

596 accidentes producidos por animais

A subdelegada deu a coñecer tamén o número de accidentes que se produciron nas estradas provinciais debido á presenza de animais nas vías públicas. En total e segundo os últimos datos dispoñibles –de inicios de decembro do ano pasado–, no ano 2020 producíronse 596 accidentes con animais que rexistraron danos no vehículo. 18 destes accidentes deixaron vítimas: 1 mortal, 2 con feridas graves, e 42 con feridas leves.

As estradas que aglutinan un maior número de sinistros producidos por animais son a AP-9, a A-52, a N-640, a N-550 e a PO 533, onde se rexistrou a vítima mortal.

Redución da mobilidade durante todo o 2020

A subdelegada quixo subliñar tamén o descenso da mobilidade rexistrado durante todos os meses do ano pasado. Segundo os datos do observatorio creado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para tal fin, durante os meses do confinamento –marzo e abril– a mobilidade na provincia reduciuse entre un 43 % e un 56 %. Nas primeiras semanas da desescalada, os tráficos recuperáronse pese a que aínda rexistraban unha caída media do 39 %. Sen embargo, a finais do mes de maio a redución do tráfico era apenas dun 24 %.

Así mesmo, Larriba informou de que “as novas restricións á mobilidade e os peches perimetrais produciron no primeiro mes de 2021 unha caída do 24 % no tráfico interprovincial”.

Comezo do ano sen accidentes

Por último, a subdelegada destacou que, segundo os datos que se deron a coñecer onte, durante o mes de xaneiro deste ano na provincia non se rexistrou ningún accidente con vítima mortal. “Unha bota noticia se temos en conta que o ano pasado o balance de xaneiro xa amosaba unha vítima mortal”, explicou. Para concluír Larriba quixo facer un “chamamento á prudencia e á responsabilidade na estrada, vitais para reducir o número de falecidos e feridos”, así como agradecer ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e, en particular, o subsector de Tráfico da Garda Civil, “a súa constancia e traballo, xa que velan as 24 horas do día pola seguridade das nosas vías”.