Larriba destaca o alto grao de cumprimento das novas medidas sanitarias no primeiro fin de semana de aplicación

Larriba destaca o alto grao de cumprimento das novas medidas sanitarias no primeiro fin de semana de aplicación

01/02/2021

A subdelegada do Goberno presidiu esta mañá a xuntanza do Centro de Coordinación Operativa (CECOR) na que se fixo balance dos operativos de control realizados, que vixiaron especialmente os peches perimetrais,  o cumprimento do peche da hostalaría e as limitacións no comercio.

 

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu hoxe unha nova reunión por videoconferencia do Centro de Coordinación (CECOR) provincial establecido para o seguimento dos dispositivos de seguridade vencellados á actual situación sanitaria. Ao encontro asistiron o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, o comisario xefe da Comisaría de Vigo-Redondela, Carlos Valcárcel, a comisaria provincial do Corpo Nacional de Policía en Pontevedra, Estíbaliz Palma, o inspector xefe da Policía Autonómica, Diego González, a inspectora xefa UPA-Vigo, Sheila González e o xefe territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, Ramón Pereiro.

Durante a reunión, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado fixeron balance das actuacións levadas a cabo durante a última semana para vixiar o cumprimento das últimas medidas aprobadas pola Xunta de Galicia. En total, do 26 ao 31 de xaneiro, a Garda Civil e a Policía Nacional levaron a cabo 907 dispositivos de control e vixilancia sanitaria, nos que participaron 1.526     axentes, se identificaron a 18.492, se controlaron 13.962 vehículos e se elevaron 300 propostas de sanción.

No que respecta a Garda Civil, este corpo realizou durante a última semana 720 controis nos que participaron 944  efectivos. En total, 15.215 persoas foron identificadas e 11.706 vehículos controlados. Estes controis se saldaron con 108 propostas de sanción.

Pola súa banda, a Policía Nacional levou a cabo 187 controis na provincia que contaron coa participación de 582 axentes. Nestes dispositivos foron identificadas un total de 3.277 persoas e 2.256 vehículos, e se elevaron 192 propostas de sanción.            

Así mesmo, a Policía Autonómica efectuou 49 controis nos que identificou a 195 persoas, controlou 59 vehículos e interpuxo 17 propostas de sanción. En total, 59 axentes deste corpo participaron nos dispositivos.

As autoridades explicaron que estes operativos fixeron énfase no control dos peches perimetrais municipais, o peche da hostalaría e as limitacións para o comercio non esencial e destacaron a baixa afluencia de xente nos centros comerciais e o escaso tránsito nas estradas da provincia, sobre todo durante a fin de semana.

Neste sentido, Larriba quixo subliñar “o comportamento exemplar dos veciños e veciñas de Pontevedra amosado durante a primeira fin de semana de aplicación das novas medidas sanitarias aprobadas pola Xunta de Galicia”. Por último, a subdelegada solicitou á cidadanía “continuar cumprindo con todas as restricións e coas indicacións facilitadas polas Forzas e Corpos de Seguridade, xa que o compromiso e a responsabilidade individuais son vitais na loita contra a COVID-19”.