O Goberno e o Concello de Trabada colaboran para mellorar a eficiencia enerxética da gardería e a cámara agraria

Imagen reunión subdelegada y alcaldesa de Trabada

03/02/2021

 Isabel Rodríguez e Mayra García anuncian un investimento de case 91.000 euros para aumentar a eficiencia enerxética destes dous equipamentos municipais
 O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico apoia esta actuación con unha subvención de 69.000 euros do IDAE
 O Concello achegará 21.000 euros para un proxecto que lle permitirá aforrar 6.000 euros ao ano na factura enerxética, ademais de reducir un 30% as emisións atmosféricas


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e a alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez, mantiveron hoxe unha xuntanza telemática na que anunciaron que o Goberno e o Concello colaboran nun proxecto para mellorar a eficiencia enerxética nos edificios da gardería e a cámara agraria. Esta actuación suporá un investimento total de 90.671 euros.

 

A subdelegada destacou que o proxecto do Goberno municipal de Trabada conta co respaldo do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle concedeu unha achega de 69.513 euros ao Concello para levar a cabo este proxecto. Ademais, Isabel Rodríguez felicitou á alcaldesa de Trabada pola sensibilidade que demostra ao poñer en marcha unha iniciativa que redundará na redución de emisións contaminantes no municipio.

 

Para a alcaldesa, o apoio económico do Ministerio é moi importante pois axudará a acometer unha actuación moi relevante e necesaria para Trabada, que contribuirá á conservación do medio ambiente ao tempo que permitirá importantes aforros á economía municipal.

 

Mayra García explicou que o proxecto suporá o cambio de cubertas e xanelas nos edificios da gardería e da cámara agraria. Esta actuación permitirá un aforro anual de máis de 6.000 euros na factura enerxética polo gasto en calefacción que desembolsa o Concello e, ademais, repercutirá favorablemente no medio ambiente porque se logrará unha redución do 30% nas emisións de CO2 á atmosfera.

 

O proxecto do Concello de Trabada será financiado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do IDAE, e polo Concello de Trabada que tamén se fará cargo da execución das obras. A licitación está prevista para o primeiro trimestre deste ano.