Isabel Rodríguez informa de que a Policía Nacional e a Garda Civil realizaron controis a 6.635 persoas e 5.722 vehículos na provincia na última semana

Imagen del CECOR de Lugo

03/02/2021

 A subdelegada do Goberno, que presidiu a reunión do CECOR, subliñou o traballo das forzas de seguridade para vixilar o cumprimento da normativa fixada polas autoridades sanitarias

 A Garda Civil e a Policía Nacional despregaron 711 dispositivos na provincia durante os últimos sete días e formularon 173 propostas de sanción por non respectar as normas contra a pandemia


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, presidiu hoxe a reunión do Centro de Coordinación Operativo da provincia de Lugo (CECOR) na que se tratou do operativo de seguridade para dar cumprimento á normativa sanitaria contra a pandemia do coronavirus e analizouse o traballo realizado polas forzas e corpos de seguridade na última semana con motivo do aumento das restricións sanitarias establecidas pola Xunta para frear a expansión do coronavirus en Galicia. Na xuntanza, celebrada por vía telemática, participaron os responsables na provincia da Garda Civil, a Policía Nacional, a Policía Autonómica, a Policía Local de Lugo, Protección Civil, xunto con  representantes da Subdelegación do Goberno e da Xunta de Galicia.

 

A subdelegada deu conta de que desde o pasado mércores, cando tivo lugar a anterior xuntanza do CECOR na que se decidiu intensificar os controis de seguridade, a Policía Nacional e a Garda Civil despregaron na provincia de Lugo 711 dispositivos nos que foron identificadas un total de 6.635 persoas e controlaron 5.722 vehículos.

 

Isabel Rodríguez detallou que nos sete días comprendidos entre o 27 de xaneiro e o 2 de febreiro a Garda Civil e a Policía Nacional formularon un total de 173 propostas de sanción polo incumprimento das medidas de restrición da mobilidade e os contactos sociais que estableceu a Xunta.

 

A subdelegada subliñou “o extraordinario traballo que están a desenvolver as  Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, xunto coa Policía Autonómica e as Policías Locais para controlar o cumprimento das restricións que están vixentes en Galicia”.

 

Ademais, Isabel Rodríguez fixo un novo chamamento á cidadanía á que lle pediu que “siga a restrinxir ao máximo os contactos sociais, en cumprimento da normativa establecida, e que actúe sempre con responsabilidade; mantendo todas as precaucións recomendadas polas autoridades sanitarias, para que, entre todos, logremos frear a incidencia da pandemia na provincia”.