Emilio González informa de que a Garda Civil e a Policía Nacional realizaron 663 dispositivos de control na provincia de Ourense durante a primeira semana de nivel máximo de restricións

Reunión do CECOR provincial

04/02/2021

Os operativos da Policía Nacional e da Garda Civil permitiron identificar a 11.580 persoas e controlar 8.641 vehículos dende o 27 de xaneiro ata o 3 de febrero

No CECOR acordouse o reforzo dos dispositivos de control nas comarcas de A Limia, Verín e Ourense durante os días do Entroido


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, presidiu na mañá de hoxe unha nova xuntanza do Centro de Coordinación (CECOR) provincial na que se fixo balance das actuacións levadas a cabo polas forzas e corpos de seguridade na última semana para vixiar o cumprimento das medidas aprobadas pola Xunta de Galicia fronte a COVID-19. Na reunión, celebrada na Subdelegación do Goberno, participaron responsables da Garda Civil, da Policía Nacional, da Policía Autonómica, da Policía Local de Ourense e representantes da Subdelegación do Goberno e da Xunta de Galicia.

O subdelegado do Goberno informou de que a Policía Nacional e a Garda Civil despregaron na provincia de Ourense un total de 663 dispositivos de vixilancia dende o pasado 27 de xaneiro, data na que entraron en vigor as medidas sanitarias decretadas polo Goberno autonómico. Durante estes operativos, os axentes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado identificaron a 11.580 persoas, controlaron 8.641 vehículos e elevaron 251 propostas de sanción. Esta cifra supón que o 2,1% do total de persoas identificadas incorría nalgunha sanción relacionada coa normativa antiCovid.

Así mesmo, na reunión do CECOR acordouse establecer un reforzo dos dispositivos de control nas comarcas de A Limia, Verín e Ourense durante os días do Entroido para garantir o cumprimento das restricións de mobilidade e dos contactos sociais establecidas pola Xunta de Galicia. Neste sentido, Emilio González  incidiu na importancia de “non relaxar as normas establecidas para conter o virus da COVID-19 e restrinxir ao máximo os contactos sociais, así como seguir as indicacións facilitadas pola forzas e corpos de seguridade”. O subdelegado do Goberno tamén reiterou “a necesidade de que as ourensás e os ourensáns manteñan a responsabilidade individual para conseguir frear a incidencia da pandemia na provincia. O virus non ten idade e por iso instamos a todo o mundo a ser moi coidadoso no día a día”.

Por último, Emilio González destacou “o esforzo e o traballo levados a cabo polos efectivos das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, xunto coa Policía Autonómica e as Policías Locais, nun momento no que, ademais da seguridade cidadá, asumen a importante responsabilidade de asegurar o cumprimento das normas establecidas polas autoridades sanitarias para frear a expansión da COVID-19”.