O subdelegado do Goberno recibe ao novo xefe provincial de Operacións da Comisaría de Policía Nacional de Ourense

O subdelegado do Goberno recibe ao novo xefe provincial de Operacións da Comisaría de Policía Nacional de Ourense

05/02/2021



O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, acompañado do comisario xefe provincial, Juan Carlos Blázquez, recibiu ao novo xefe provincial de Operacións da Comisaría de Policía Nacional en Ourense, o comisario Eduardo Gutiérrez Jiménez, para darlle a benvida no seu novo posto no que tomou posesión o pasado 18 de xaneiro.

Emilio González repasou co comisario xefe provincial e co novo responsable de Operacións os asuntos máis relevantes relacionados coa seguridade da provincia e desexoulle ao comisario Gutiérrez “todos os éxitos no seu novo desempeño profesional”.

Así mesmo, o subdelegado do Goberno trasladoulles o seu agradecemento polo traballo e esforzo que están realizando as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado dende o pasado mes de marzo para “protexer a saúde da cidadanía e velar polo correcto cumprimento das diferentes medidas postas en marcha para frear os contaxios pola COVID-19”.

O comisario Eduardo Gutiérrez, natural de Aranda de Duero, ingresou no Corpo Nacional de Policía en 1998 na categoría de inspector. O seu primeiro destino estivo en Las Palmas de Gran Canaria, dende onde se trasladou á Comisaría Xeral de Información para desenvolver labores de investigación nas Seccións de Guipúscoa e Francia e no Grupo de Traballo de México.

En 2008 pasou a formar parte do equipo docente da Escola Nacional de Policía de Ávila e no ano 2017 foi destinado á Unidade de Planificación Estratéxica e Coordinación (UPEC) da Dirección Adxunta Operativa (DAO), onde desempeñou distintas funcións ata o seu ascenso a comisario.

O comisario Gutiérrez é licenciado en Dereito pola Universidade de Zaragoza e en Ciencias Políticas e da Administración pola Universidade Complutense de Madrid. Conta cun Máster en Estudos sobre Terrorismo e cun Máster de Política de Seguridade e Defensa, ademais de posuír o Diploma de Estado Maior das Forzas Armadas.