82.652 traballadores da provincia de Pontevedra acolléronse ao longo do ano pasado a ERTES

82.652 traballadores da provincia de Pontevedra acolléronse ao longo do ano pasado a ERTES

05/02/2021

En total, o Goberno pagou prestacións por valor de 190 millóns de euros nos últimos dez meses de 2020 na provincia

A subdelegada de  Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, reunise por videoconferencia esta mañá coa directora provincial do SEPE, Marta Estrada, para analizar o novo acordo social de prórroga dos ERTE e axudas a autónomos, que estará vixente ata o próximo 31 de maio.

Tal e como informou a directora provincial do SEPE, en Pontevedra no 2020 un total de 82.652 traballadores acolléronse a ERTES. En total, o Goberno pagou prestacións por valor de 190 millóns de euros nos dez últimos meses do ano pasado na provincia.

O novo acordo social, aprobado no mes de xaneiro e que foi publicado o pasado día 27, permitirá a todas as empresas afectadas por restricións que impidan ou limiten a súa actividade solicitar á autoridade laboral un ERTE de limitacións ou impedimentos en idénticos termos de tramitación e requisitos que na anterior normativa. A subdelegada incidiu na importancia deste tipo de axudas que “están dando cobertura a empresas e traballadores, garantindo deste xeito os salarios para eses traballadores e que as empresas non se vexan gravadas durante o período de crise sanitaria con cargas sociais”. Larriba subliñou a importancia deste instrumento, “fundamental para garantir o escudo social”.

As axudas para autónomos supoñen tamén unha gran mellora, xa que segundo explicou a subdelegada, “poderán solicitala todos aqueles profesionais que vexan reducidos os seus ingresos no primeiro semestre de 2021 nun 50 %, e non nun 75 % como ata agora”. A contía destas axudas é do 50 % da base de cotización e incrementarase nun 20 % se o autónomo é membro de familia numerosa. Ademais, serán compatibles con ingresos por valor de ata 1,25 o salario mínimo interprofesional. Estes profesionais estarán exonerados tamén do pago das cotas á Seguridade Social.

Tal e como informou a directora provincial do SEPE, na actualidade estas axudas están sendo tramitadas na súa meirande parte presencialmente. A día de hoxe, o 95 % do persoal do SEPE está atendendo ao cidadá de maneira presencial e con cita previa nas súas oficinas. Non obstante, todas aquelas persoas interesadas continúan podendo presentar a documentación para a súa tramitación a través da web oficial do organismo.

Descenso do número de traballadores en paro

Larriba analizou tamén xunto a Estrada o dato de desemprego na provincia do mes de xaneiro, que rexistrou unha caída do 2,08%. A subdelegada explicou que estas cifras “están en consonancia cos datos rexistrados en Galicia, onde, ao contrario do que aconteceu a nivel nacional, o paro viuse diminuído. Uns números que evidencian o dinamismo do noso mercado laboral”.

O descenso produciuse en todos os sectores de actividade, destacando a baixada rexistrada entre os traballadores sen emprego anterior e no sector servizos. Este sector rexistrou o 63 % dos novos contratos realizados no mes de xaneiro. Non obstante, dos case 25.000 novos contratos realizados en Pontevedra durante o primeiro mes do ano, o 91 % foron temporais. 

Por outra parte, 43.428 persoas reciben algún tipo de prestación por desemprego na provincia, que  suma unha nómina de máis de 41 millóns de euros.