Isabel Rodríguez informa de que a Policía Nacional e a Garda Civil realizaron 718 controis sanitarios na provincia na última semana

Imagen reunión telemática CECOR

10/02/2021

 A subdelegada do Goberno agradece o traballo coordinado das forzas de seguridade para vixilar o cumprimento da normativa sanitaria e lembra a importancia da responsabilidade persoal para frear a expansión da pandemia

 Nos últimos sete días, a Garda Civil e a Policía Nacional despregaron máis de 1.300 axentes que identificaron 8.857 persoas, controlaron 7.477 vehículos e formularon 242 propostas de sanción na provincia


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, presidiu hoxe a xuntanza semanal do Centro de Coordinación Operativo da provincia (CECOR) que examinou o operativo de seguridade establecido na provincia para dar cumprimento á normativa sanitaria contra a pandemia do coronavirus.

 

Na xuntanza, celebrada a última hora da mañá por vía telemática coa participaron dos responsables provinciais da Garda Civil, a Policía Nacional, a Policía Autonómica, a Policía Local de Lugo, Protección Civil, xunto con  representantes da Subdelegación do Goberno e da Xunta de Galicia, avaliouse o traballo que realizaron na última semana as forzas e corpos de seguridade para velar polo cumprimento das restricións sanitarias dispostas pola Xunta.

 

A subdelegada deu conta de que, desde o pasado mércores, cando tivo lugar a anterior xuntanza do CECOR, a Policía Nacional e a Garda Civil despregaron na provincia de Lugo 718 dispositivos, mobilizaron 1.345 axentes que identificaron un total de 8.857 persoas e controlaron 7.477 vehículos.

 

Isabel Rodríguez detallou que, nos sete días comprendidos entre o 2 e o 9  de febreiro, a Garda Civil e a Policía Nacional formularon un total de 242 propostas de sanción polo incumprimento das medidas sanitarias que ten establecidas a Xunta.

 

A subdelegada agradeceu o traballo coordinado que levan a cabo na provincia as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, xunto coa Policía Autonómica e as Policías Locais  para asegurar o cumprimento das restricións fixadas pola Xunta.

 

Isabel Rodríguez tamén destacou a importancia da responsabilidade persoal e o cumprimento da normativa establecida para frear a incidencia da pandemia na provincia.