Maica Larriba visita as obras de mellora e ampliación do Posto de Control Fronteirizo de Guixar

11/02/2021

A subdelegada do Goberno comprobou esta mañá as melloras realizadas nas instalacións do Posto de Control Fronteirizo do Porto de Vigo. No ano 2020, o PCF do porto de Vigo realizou máis de 14 mil controis a mercadorías procedentes de terceiros países.

 

Vigo, 11 de febreiro de 2021.- A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, visitou esta mañá as obras de mellora no Posto de Control Fronteirizo (PFC) de Guixar, no Porto de Vigo. Estas obras de ampliación afectaron ao edificio no que se sitúa a zona de carga e descarga, que agora conta cunha superficie de grandes peixes, con peiraos de carga para produtos refrixerados e cun novo acceso desde o exterior, así como con vestiarios diferenciados.

Alén da ampliación do espazo, leváronse a cabo tamén diferentes actuacións de mellora que dotaron ás instalacións de portas dos peiraos de peche hermético, de ramplas de carga automáticas, dun sistema de iluminación eficiente nos peiraos de carga e para o interior dos colectores, de tomas de corrente exterior e conexión de datos en cada porta dos peiraos, dun sistema de recollida de augas para a limpeza e dun sistema de mantemento de temperaturas.

Estas instalacións acollen a actividade dos equipos de Sanidade Exterior, Sanidade Animal e Sanidade Vexetal da Administración Xeral do Estado. No ano 2020, realizáronse desde este posto un total de 14.353 controis á importación de produtos de orixe animal e non animal destinados ao consumo humano.

Durante a súa visita, a subdelegada destacou que no 2020 o PCF de Vigo viu aumentada a súa actividade a pesar da pandemia nun 13 %, pasando de controlar 490.055 toneladas de mercadorías importadas durante o 2019 a 600.048 toneladas durante o ano pasado. Un ascenso, que en palabras dos seus responsables, debeuse principalmente ao incremento da cantidade de froita recibida procedente de terceiros países.

Larriba quixo subliñar tamén a capacidade e o bo funcionamento destes servizos, que “están perfectamente preparados para facer fronte ás novas medidas e controis derivados da aplicación do Brexit, tal e como se puxo de manifesto durante este primeiro mes de aplicación”. A subdelegada destacou que “as novas obras permiten a estes servizos non so contar con máis espazo, senón con mellores dotacións, fundamentais para poder responder con éxito ao aumento da carga de traballo derivada da saída do Reino Unido da Unión Europea”.

Un mes tras o acordo

Neste primeiro mes de aplicación do acordo, no Posto de Control Fronteirizo da Autoridade Portuaria de Vigo leváronse a cabo 23 controis á importación de produtos procedentes de Reino Unido e 43 controis á exportación de produtos destinados a este país.

En relación ás importacións, todas as mercadorías que chegaron ao porto de Vigo procedente de Reino Unido e que foron sometidas a control por Sanidade Exterior foron produtos de peixe tanto fresco como conxelado.

Por outra banda, os produtos exportados a Reino Unido durante estes primeiros trinta días do ano foron lácteos, peixe, ovos e plantas ornamentais. Non obstante, e segundo comentou o responsable de Agricultura, esperase á importación doutro tipo de produtos como fariñas ou aceites de pescado.  Ademais, prevése un posible aumento das exportacións de animais de compañía, en particular de cans procedentes de diferentes protectoras da provincia. So no ano pasado, as protectoras enviaron máis de 65 cans a este país.

Control a produtos procedentes de Malvinas

O acordo da saída de Reino Unido tamén afecta a todos aqueles produtos procedentes das Malvinas -que ata o de agora non tiña consideración de terceiro país-, que terán que someterse aos protocolos específicos. Durante o ano 2020, Sanidade Exterior realizou 131 controis á importación de produtos de orixe animal procedentes destas illas. En total, controláronse 49.548 toneladas de mercadoría, na súa meirande parte calamar Loligo Gahi e Illex, almacenados en 16 buques conxeladores.