Isabel Rodríguez informa de que case 18.000 lucenses prexudicados pola crise sanitaria tiveron prestacións por ERTE o ano pasado

Imagen subdelegada reunión SEPE

11/02/2021

 O escudo social contra a pandemia que puxo en marcha o Goberno supuxo o abono de 41,5 millóns de euros a traballadores da provincia en ERTE
 A pandemia aumentou un 300% a carga de traballo do Servizo Público de Emprego Estatal na provincia
 En 2020 o SEPE tramitou na provincia máis de 89.000 expedientes e respondeu máis de 31.000 chamadas a través da Oficina Virtual


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, informou hoxe de que o Servizo Público de Emprego Estatal abonou o ano pasado máis de 41,5 millóns de euros a traballadores da provincia acollidos a ERTEs como consecuencia da pandemia do coronavirus. En total, foron 17.930 as persoas perceptoras das prestacións dos ERTEs entre os meses de marzo e decembro, segundo indicou a subdelegada que mantivo esta mañá unha xuntanza por vía telemática coa directora provincial do SEPE, Estefanía Pita.

 

Isabel Rodríguez destacou o importante escudo social posto en marcha polo Goberno para protexer aos traballadores afectados pola crise sanitaria e lembrou que, entre as medidas urxentes adoptadas en marzo do ano pasado para dar cobertura ás persoas afectadas, acordouse a modificación das condicións para o acceso á prestación por desemprego das persoas en situación de ERTE, recoñecendo o dereito á prestación mesmo sen ter o período mínimo cotizado ou o feito de que non se compute o tempo a efectos de consumir os períodos de percepción establecidos. Así mesmo, introducíronse dous novos subsidios para empregados de fogar e por fin de contrato temporal e aprobáronse medidas especiais de acceso á prestación por desemprego de artistas en espectáculos público, entre outras medidas.

 

A subdelegada recordou, ademais, que, para seguir dando cobertura aos traballadores afectados, foi prorrogado en varias ocasións o mecanismo dos ERTEs. A última das prórrogas, aprobada en xaneiro, amplía a súa vixencia ata o 31 de maio.

 

Pola súa parte, Estefanía Pita indicou que a crise sanitaria, a creación de novos subsidios e o incremento de persoas incluídas en ERTE con dereito a prestación por desemprego aos que tivo que facer fronte o SEPE no último ano supuxo un aumento do 300% na carga de traballo. Para reforzar o servizo nos meses de abril e agosto incorporáronse ás oficinas do SEPE na provincia de Lugo un total de 12 interinos.

 

En 2020, tramitáronse 89.250 expedentes na provincia e a Oficina Virtual do SEPE (RATEL) recibiu 32.032 chamadas, das que pudo contestar 31.163, o que supón un índice do 97,29%.