Isabel Rodríguez destaca que a delincuencia baixou un 9,7% na provincia en 2020, un ano condicionado pola pandemia

12/02/2021

 A subdelegada, que presidiu a xunta provincial de seguridade, alerta de que, sen embargo, aumentaron as pequenas estafas por internet
 Rodríguez felicita á Policía Nacional e á Garda Civil polo seu traballo contra a pandemia e a protección da seguridade dos lucenses: “a súa profesionalidade fai que Lugo siga a ser unha das provincias máis seguras e mellores para vivir”
 Garda Civil e Policía Nacional continúan cos controis de apoio á Xunta na loita contra a pandemia nos que onte participaron 190 axentes na provincia


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, informou hoxe de que a evolución da seguridade na provincia durante o ano 2020 foi moi positiva, xa que diminuíu a delincuencia tanto nas zonas urbanas como no rural. A subdelegada, que presidiu esta mañá unha reunión da xunta provincial de seguridade, indicou que en total, con datos provisionais, as infraccións na provincia descenderon o ano pasado un 9,71%, pois pasaron de 7.315, no ano 2019, a 6.605, en 2020.

 

Isabel Rodríguez explicou que “son datos moi bos, pero loxicamente debemos ter presente que esta baixada tan grande tamén ten que ver co feito de que o 2020 foi un ano especial nas nosas vidas e que todo, tamén a seguridade, viuse condicionada pola pandemia”.

 

A subdelegada indicou que “as estatísticas reflicten un gran descenso en todos os tipos de delitos na provincia, agás no caso das pequenas estafas por internet que aumentaron, concretamente no caso dos cargos indebidos a tarxetas bancarias por importe inferior a 100€”. Por este motivo, Rodríguez advertiu á cidadanía de que “teña moito coidado para non caer no engano, que comprobe sempre se está facendo un uso seguro das novas tecnoloxías e que lea sempre a letra pequena cando faga compras por internet”.

 

Ademais, Rodríguez aproveitou para “felicitar tanto aos mandos como aos funcionarios da Policía Nacional e da Garda Civil polo magnífico traballo e a gran profesionalidade que demostran e a súa capacidade de traballo ao compatibilizar os labores fronte á pandemia coa protección da seguridade dos lucenses”.

 

“A súa profesionalidade fai que Lugo siga a ser unha das provincias máis seguras e mellores para vivir”, dixo a subdelegada. 

 

CIDADE DE LUGO

 

No caso da cidade de Lugo, a cifra total de delitos baixou un 15,21% e tamén é de destacar o aumento dun 3,16% na eficacia policial. En canto ao número de delitos graves e menos graves, que son os que causan maior alarma social, o descenso foi aínda máis acusado, do 15,23%, e a eficacia policial aumentou un 9,88%.

 

Entre a actividade desenvolvida na cidade o ano pasado pola Policía Nacional cabe destacar a gran presión exercida contra o pequeno tráfico de drogas, que permitiu a desarticulación de 30 puntos de venda de droga, con un total de 47 detidos, contando en moitos casos coa axuda inestimable da colaboración veciñal.

 

CONTROIS ANTI-COVID

 

A subdelegada tamén informou de que as forzas de seguridade continúan coa intensa actividade que manteñen nos últimos meses para asegurar o cumprimento das medidas fixadas polas autoridades sanitarias contra a pandemia.

 

Nas últimas 24 horas, a Garda Civil e a Policía Nacional despregaron na provincia u total de 96 dispositivos nos que participaron 190 axentes. Froito do seu traballo foron identificadas na provincia 1199 persoas, controláronse 1.067 vehículos e formuláronse 24 propostas de sanción.