Isabel Rodríguez informa de que na última semana a Policía Nacional e a Garda Civil realizaron 832 controis das medidas anti-COVID na provincia de Lugo

17/02/2021

 A subdelegada do Goberno destaca o intenso labor das forzas de seguridade que vixilan o cumprimento da normativa sanitaria e lembra o papel da responsabilidade persoal para atallar a pandemia

 Nos últimos sete días, o operativo da Garda Civil e a Policía Nacional contou coa participación de 1.355 axentes que identificaron 11.071 persoas, controlaron 9.639 vehículos e formularon 306 propostas de sanción


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, presidiu hoxe a xuntanza semanal do Centro de Coordinación Operativo da provincia (CECOR) na que se examinou o operativo de seguridade que está organizado na provincia en aplicación das restricións sanitarias decididas pola Xunta para atallar a pandemia do coronavirus.

 

Na xuntanza, que se celebrou a última hora da mañá de xeito telemático, participaron os mandos provinciais da Garda Civil, a Policía Nacional, a Policía Autonómica, a Policía Local de Lugo e Protección Civil, así como  representantes da Subdelegación do Goberno e da Xunta de Galicia, que avaliaron o intenso traballo realizado na última semana polas forzas e corpos de seguridade e analizaron as novas medidas dispostas pola Xunta.

 

A subdelegada deu conta de que, desde o pasado mércores, cando tivo lugar a anterior xuntanza do CECOR, a Policía Nacional e a Garda Civil despregaron na provincia de Lugo 832 dispositivos, nos que foron mobilizados 1.355 axentes que identificaron un total de 11.071 persoas e controlaron 9.639 vehículos.

 

Isabel Rodríguez detallou que, nos sete días comprendidos entre o 10 e o 16 de febreiro, a Garda Civil e a Policía Nacional formularon un total de 306 propostas de sanción na provincia debido ao incumprimento das restricións decididas pola Xunta.

 

A subdelegada destacou o traballo que levan a cabo na provincia as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, en coordinación coa Policía Autonómica e as Policías Locais  para asegurar o cumprimento das medidas establecidas polas autoridades sanitarias.

 

Isabel Rodríguez insistiu, unha vez máis, na importancia da responsabilidade persoal e apelou á cidadanía para que siga a cumprir, como o fan a gran maioría dos lucenses, a normativa establecida para frear a incidencia da pandemia na provincia.