O Porriño subscribe o protocolo de colaboración entre a Garda Civil e a Policía Local para a protección de vítimas de violencia de xénero

O Porriño subscribe o protocolo de colaboración entre a Garda Civil e a Policía Local para a protección de vítimas de violencia de xénero

18/02/2021

A subdelegada do Goberno en Pontevedra presidiu hoxe a Xunta Local de Seguridade do Concello de O Porriño, na que se ratificou o novo protocolo de colaboración entre a Garda Civil e a Policía Local no marco do programa de seguimento integral das vítimas de  violencia de xénero –Sistema Vioxén-, subscrito polo concelleiro e alcalde accidental de O Porriño, Pedro Pereira, e o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal.

A subdelegada do Goberno, Maica   Larriba, presidiu esta mañá a Xunta Local de Seguridade do Concello de O Porriño na que se subscribiu o novo protocolo de colaboración entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a Policía Local no marco do programa de Seguimento Integral das vítimas de violencia de xénero. O protocolo de colaboración foi asinado polo concelleiro e alcalde accidental de O Porriño, Pedro Pereira, e o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal.

O Porriño é o cuarto concello da provincia que procede á renovación deste documento, o primeiro trámite, e fundamental, que deben formalizar todos aqueles municipios que desexen permanecer dentro do Sistema Vioxén. O novo protocolo recolle o reparto de funcións e asignacións de vítimas entre as Forzas e Corpos de Seguridade e adecúase ás referencias normativas actuais.

Maica Larriba quixo agradecer “o compromiso do Concello de O Porriño e do seu equipo de Goberno, que hoxe converteu a este municipio no cuarto da provincia en renovar o protocolo do Sistema VioXén, así como o fundamental labor que desenvolve a Garda Civil na protección e asistencia a todas as mulleres vítimas de malos tratos neste concello e na provincia”. A subdelegada lembrou a importancia de renovar estes acordos para que “as forzas e corpos de seguridade local e estatal poidan compartir información e recursos e establecer uns criterios básicos de colaboración e coordinación, de xeito que se garanta o cumprimento eficaz das medidas xudiciais de protección ás vítimas de violencia de xénero”.

En particular, o novo protocolo delimita as funcións da Policía Local no ámbito da violencia de xénero e define o seguimento e reparto dos casos, o que “permite sumar máis efectivos e recursos á protección das vítimas", recalcou Larriba. A subdelegada lembrou que “para o actual Goberno de España a violencia de xénero é unha política prioritaria, e por iso, desde a Subdelegación seguiremos impulsando todas aquelas accións encamiñadas a previr e combater a violencia e desigualdade que ameazan a metade da nosa poboación”.

Para completar a súa adhesión, o Concello deberá asinar agora o convenio co Ministerio do Interior para o acceso ao Sistema de Seguimento Integral en casos de violencia de xénero.

Segundo os datos recollidos no Sistema VioXén, en O Porriño contabilízanse a día de hoxe 24 casos activos de violencia de xénero. Esta cifra supón case o 2,15 % dos casos activos na provincia de Pontevedra e o 34,78 % dos casos activos en todo o partido xudicial, que aglutina o 5,83 % das denuncias rexistradas na provincia no 2020. O 66,6 % das vítimas da localidade ten menos de 45 anos.

O Sistema VioXén

O Sistema VioXén foi posto en funcionamento no ano 2007 pola Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio de Interior co obxectivo de establecer unha rede nacional que permita o  seguimento e protección de forma rápida, integral e efectiva das mulleres vítimas de malos tratos, e dos seus fillos e fillas, en calquera parte do territorio español, así como de aglutinar ás institucións públicas competentes na materia de violencia de xénero e integrar a información dos diferentes casos.

O Sistema tamén realiza predicións do risco de calquera vítima e, en función dese nivel, efectúa un seguimento e protección adecuado da muller que se trate en todo o territorio nacional. Vioxén desenvolve ademais un labor preventivo con avisos, alertas e alarmas cando se detecta algunha incidencia ou acontecemento que pode poñer en risco a integridade da vítima.