A subdelegada do Goberno agradece o traballo dos voluntarios da Rede Nacional de Radio de Emerxencias (REMER) en Pontevedra

A subdelegada do Goberno agradece o traballo dos voluntarios da Rede Nacional de Radio de Emerxencias (REMER) en Pontevedra

19/02/2021

Maica Larriba presidiu hoxe a entrega de diplomas a tres voluntarios radioaficionados como recoñecemento a súa dedicación e traballo altruísta durante máis de tres décadas.

A subdelegada do Goberno, Maica   Larriba, presidiu esta mañá o acto de entrega de diplomas a tres radioaficionados voluntarios da Rede Nacional de Radio de Emerxencias (REMER) no territorio provincial como recoñecemento á súa dilatada actividade e á súa colaboración desinteresada con esta rede de Protección Civil.

Durante a súa intervención, a subdelegada quixo destacar “o compromiso co público” dos catro radioficionados homenaxeados, así como “a importancia do servizo que brindan todos os integrantes desta rede, que supón unha alternativa fiable e segura para garantir as comunicacións cando o resto de transmisións deixan de funcionar”.

Larriba agradeceu tamén aos voluntarios a colaboración prestada recentemente “para mellorar a rede de comunicacións da Subdelegación coa instalación dun novo repetidor que garantirá unha mellor cobertura á provincia”. Por último, a subdelegada subliñou o labor e traxectoria destes radioficionados como “un símbolo da sociedade civil que colabora co público de maneira altruísta”.

Unha rede nacional para atender as comunicacións en emerxencias

A Rede Radio de Emerxencia é unha organización complementaria da Rede de Mando da Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias do Ministerio do Interior. A nivel provincial, depende dos respectivos Delegados e Subdelegados do Goberno nas diferentes Comunidades Autónomas e provincias. O seu labor fundamental consiste en achegar a Protección Civil unha rede de comunicacións que asegure as transmisións entre os distintos servizos implicados nos sinistros e proporcionar información ampla e puntual das circunstancias e evolución dos mesmos.

Esta rede cobra especial importancia cando as infraestruturas e instalacións terrestres presentan vulnerabilidade en certas situacións de especial emerxencia ou catástrofe; cando as telecomunicacións non están dispoñibles, están danadas, conxestionadas ou desbordadas; ou cando existe unha falta de cobertura en zonas de emerxencia de lugares remotos.

A rede está integrada por radioaficionados que de forma voluntaria intégranse na estrutura para colaborar en situacións de emerxencia. Na actualidade, forman parte de REMER preto de 4.000 colaboradores, case 60 deles en Pontevedra, que prestan un servizo de forma altruísta.

Ao tratarse de equipos persoais, autónomos e independentes dos servizos de comunicación profesional de Protección Civil, os radioaficionados poden ser en ocasións a única alternativa eficaz nas comunicacións ante calquera eventual fallo doutras vías. Para pertencer a esta Rede hai que contar co título de operador de radio e a pertinente licenza da Dirección Xeral de Telecomunicacións. Os membros da REMER contan con varios equipos de transmisións e están localizados as 24 horas do día, o que posibilita a súa incorporación inmediata en caso dunha emerxencia (inundacións, incendios forestais, terremotos, accidentes de especial relevancia, etc.). Na provincia, a rede está estruturada en cinco zonas de traballo, que cobren a totalidade do seu territorio: Pontevedra-Morrazo, Caldas-Salnés, Deza-Tabeirós, Vigo-Baixo Miño e Condado-Paradanta.

Recoñecemento a unha traxectoria de máis de tres décadas

No acto de hoxe recoñeceuse a dedicación e traballo altruísta de José Marcelino Vázquez (Cambados) durante trinta e cinco anos; de José Abal (Vilagarcía de Arousa), durante trinta anos; Manuel Puente (A Estrada), durante trinta anos; e de Helio Fernández (Tomiño), durante trinta e cinco anos, aínda que non puido acudir presencialmente ao acto.

Acompañaron á subdelegada durante a entrega de diplomas a xefa da Unidade de Protección Civil en Pontevedra, Natalia del Caño, e o coordinador da REMER na provincia, Javier Amaro.