A Policía Nacional, a Garda Civil e a Policía Autonómica realizaron 1.594 controis na provincia durante a última semana

A Policía Nacional, a Garda Civil e a Policía Autonómica realizaron 1.594 controis na provincia durante a última semana

24/02/2021

A subdelegada do Goberno presidiu esta mañá a xuntanza do Centro de Coordinación Operativa (CECOR) na que se fixo balance dos controis de vixilancia e cumprimento das medidas aprobadas para frear a COVID-19 realizados na última semana. 

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu hoxe unha nova reunión por videoconferencia do Centro de Coordinación (CECOR) provincial establecido para o seguimento dos dispositivos de seguridade vencellados á actual situación sanitaria. Ao encontro asistiron o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal; o comisario xefe da Comisaría de Vigo-Redondela, Carlos Valcárcel; a comisaria provincial de Pontevedra, Estíbaliz Palma; o inspector xefe da Policía Autonómica, Diego González; a inspectora xefa UPA-Vigo, Sheila González; e o xefe territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, Ramón Pereiro.

Durante a reunión, as Forzas e Corpos de Seguridade fixeron balance das actuacións levadas a cabo durante a última semana para vixiar o cumprimento das medidas aprobadas pola Xunta de Galicia. En total, do 18 ao 23 de febreiro, a Garda Civil, a Policía Nacional e a Unidade de Policía Adscrita á Comunidade Autónoma (UPA) levaron a cabo 1.594 dispositivos de control e vixilancia sanitaria nos que participaron 1.801 axentes, se identificaron a 15.445 persoas, se controlaron 10.933 vehículos e se elevaron 421 propostas de sanción.

No que respecta á Garda Civil, este corpo realizou durante os últimos dez días 1.376 controis nos que participaron 1.138 efectivos. Nestes operativos 11.835 persoas foron identificadas, 8.911 vehículos foron controlados e 264 persoas foron sancionadas.

Pola súa banda, a Policía Nacional levou a cabo 120 controis na provincia que contaron coa participación de 530 axentes. Nestes dispositivos foron identificadas un total de 3.102 persoas e 1.810 vehículos, e se elevaron 93 propostas de sanción.

Así mesmo, a Policía Autonómica efectuou 98 controis nos que identificou a 508 persoas, controlou 212 vehículos e interpuxo 64 propostas de sanción. Nestes dispositivos participaron 133 axentes autonómicos.

Larriba quixo subliñar que “o grao de cumprimento da normativa na nosa provincia mantense alto, xa que a cifra de sancións rexistrada nos últimos seis días é baixa e similar á das últimas semanas”. Tan só o 2,7 % das persoas identificadas foron sancionadas.

No encontro, os responsables policiais analizaron as medidas anunciadas polo presidente da Xunta de Galicia este luns e que entrarán en vigor o venres 26 de febreiro. Neste sentido, a subdelegada informou de que a Policía Nacional e a Garda Civil continuarán esta semana coas labores de prevención fronte á COVID-19, levando a cabo controis e dispositivos que serán adaptados de acordo á nova normativa autonómica.

Por último, Larriba lembrou á cidadanía que continúa a ser necesario actuar con cautela e precaución, xa que “canto menos restritivas son as medidas, mais importante  é a responsabilidade individual”.