As infraccións penais descenden na provincia un 8 %

As infraccións penais descenden na provincia un 8 %

02/03/2021

A subdelegada do Goberno presidiu esta mañá a reunión da Xunta Provincial de Seguridade na que se analizaron os principais datos sobre delincuencia e infraccións penais rexistrados na provincia durante os primeiros dous meses do ano.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu hoxe a celebración da Xunta Provincial de Seguridade na que se analizaron de delincuencia e infraccións penais rexistrados durante xaneiro e febreiro deste ano.

Tal e como subliñou a subdelegada, a pandemia da COVID-19 continúa a marcar as estatísticas de infraccións penais, que en liñas xerais, seguen na senda de descenso iniciada o ano pasado. Larriba destacou, neste sentido, que “en termos xerais, as infraccións penais na provincia rexistraron un descenso interanual durante os primeiros dous meses do ano do 8 %”.  O maior descenso rexistrouse nos roubos en domicilios e establecementos comerciais, que descenderon nun 61 % durante os meses de xaneiro e febreiro de 2021 respecto aos mesmos meses do ano anterior; ademais do resto de roubos contra o patrimonio, que se reduciron nun 24 %; os delitos contra as persoas e os malos tratos, que experimentaron unha baixada do 22,75 %; os delitos contra a liberdade sexual, que diminuíron nun 13 %; así como os restantes delitos graves, que decaeron nos primeiros meses do 2021 nun 20 %.

Os delitos que aumentaron con respecto ao ano pasado durante os dous primeiros meses do ano foron os delitos leves de estafas a través de tarxetas de crédito, que segundo explicou a subdelegada “aumentaron nun 110 % con respecto ao ano pasado. Estes delitos continúan a crecer, como vénse observando xa desde o ano pasado, polo aumento da actividade online, por unha parte como consecuencia da pandemia e por outra, debido a que os meses de xaneiro e febreiro sempre rexistran unha importante actividade comercial, debido ao Nadal e as rebaixas”. Larriba quixo destacar que aínda que o aumento dos delitos leves a través de tarxetas de crédito é elevado, as estafas graves realizadas polo mesmo medio, rexistraron unha baixada interanual do 19 %.

A subdelegada do Goberno explicou que “a tendencia de descenso nas infraccións penais iniciada no ano 2020 e observada tamén nestes dous primeiros meses de 2021, débese en parte ás restricións á mobilidade e a outras medidas derivadas da actual crise sanitaria”. Non obstante, Larriba agarda que se manteña esta baixada, “xa que de consolidarse, a nosa provincia pasaría a ser unha das máis seguras do país”.

Durante o encontro, os principais responsables policiais analizaron os datos por concellos, destacando o descenso rexistrado no municipio de Pontevedra, onde as infraccións penais descenderon durante os dos primeiros meses do ano un 9,31 %. Entre os delitos que rexistraron unha maior baixada atópanse os roubos con forza, que caen por riba do 60 %, os delitos contra a liberdade sexual, que diminúen nun 50 % e os delitos contra o patrimonio, que se reduciron en máis do 39 %. Salienta tamén a situación do concello de Marín, onde as infraccións penais rexistran unha baixada do 23,97 %, sendo os delitos contra o patrimonio e os roubos con forza os que experimentan un maior decrecemento, do 52 % e do 66 % respectivamente.

Na xunta de seguridade participaron o coronel  xefe  da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal; o comisario xefe da Comisaría de Vigo-Redondela, Carlos Valcárcel; e o comisario accidental de Pontevedra, Camilo Loureiro.