Javier Losada celebra que o Museo do Pobo Galego triplique a súa superficie tras unha obra cun investimento de 3,2 millóns de euros

Javier Losada celebra que o Museo do Pobo Galego triplique a súa superficie tras unha obra cun investimento de 3,2 millóns de euros

01/03/2021


“Hoxe facemos máis grande o Museo, hoxe facemos máis grande a Galicia”, subliñou Javier Losada sobre unha intervención que permite engadir 1.600 metros cadrados, ata 2.400, da superficie en uso do museo

O delegado do Goberno situou esta actuación como un exemplo da colaboración e cooperación do Executivo con Galicia

O Museo suma un ascensor de alta capacidade, mellora as fachadas, as cubertas e as condicións térmicas


O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, informou hoxe do remate das obras de adecuación da ala sur do conxunto de San Domingos de Bonaval para a ampliación e mellora do Museo do Pobo Galego, da que o Goberno financiou o 50% e foi dirixida polo Consorcio de Santiago, despois de máis dun ano de intervención que serviu para triplicar a superficie.

“Hoxe facemos máis grande o Museo, hoxe facemos máis grande a Galicia”, subliñou Javier Losada sobre unha obra que supón engadir 1.600 metros cadrados máis do que xa tiña o Museo, ata un total de 2.400 metros cadrados. A actuación, que arrancou a finais do 2019 e foi realizada pola Oficina Técnica do Consorcio, centrouse en rehabilitar e adaptar a ala sur do conxunto de San Domingos de Bonaval para coller un novo espazo para exposición, oficinas e outros usos.

O delegado do Goberno en Galicia detallou que “o proxecto é unha colaboración e un compromiso con Galicia”. Un compromiso que se pon de manifesto neste proxecto de 3,2 millóns de euros, dos que o Goberno de España aporta un 50%. “Un compromiso que seguimos a reforzar con inversión para poñer en valor a nosa cultura”, destacou.
No mesmo senso, incidiu na colaboración entre o Goberno, a Xunta e o Concello para completar estas obras.

“Cooperación porque unha vez máis poñemos en servizo unha obra que une a todas as administración nun proxecto. A colaboración funciona e é un exemplo, unha mensaxe que debemos enviar á sociadade, máis aínda nestes tempos”, relatou.

Entre as melloras encóntranse a construción dun ascensor de alta capacidade co fin de mellorar a accesibilidade, mellora das fachadas da ala sur e restauración das cubertas e incorporacións de novas condicións térmicas, apostando pola xeotermia como forma de enerxía sostible. Tamén se levou a cabo un levantamento do edificio en tecnoloxía 3D, que servirá no futuro para poder realizar visitas virtuais.

O delegado participou na visita acompañado do presidente da Xunta, Alberto Núnez Feijóo; o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo; a xerente do Consocio, Belén Hernández; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo e o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi.

“Quero felicitar e agradecer a todas as persoas que teñen intervido neste magnífico proxecto, ao Consorcio de Santiago, ao Padroado do Museo do Pobo Galego, aos técnicos e arquitectos e a todos e a todas”, rematou Javier Losada.