A Policía Nacional, a Garda Civil e a Policía Adscrita realizaron 1.112 controis na provincia durante a última semana

A Policía Nacional, a Garda Civil e a Policía Adscrita realizaron 1.112 controis na provincia durante a última semana

01/03/2021

A subdelegada do Goberno presidiu esta mañá a xuntanza do Centro de Coordinación Operativa (CECOR) na que se fixo balance dos controis de vixilancia na hostalería realizados durante a fin de semana e que se saldaron con 79 sancións. 

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu hoxe unha nova reunión por videoconferencia do Centro de Coordinación (CECOR) provincial establecido para o seguimento dos dispositivos de seguridade vencellados á actual situación sanitaria. Ao encontro asistiron o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal; o comisario xefe da Comisaría de Vigo-Redondela, Carlos Valcárcel; a comisaria provincial de Pontevedra, Estíbaliz Palma; o inspector xefe da Policía Autonómica, Diego González; a inspectora xefa UPA-Vigo, Sheila González; e o xefe territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, Ramón Pereiro.

Durante a reunión, as Forzas e Corpos de Seguridade fixeron balance das actuacións levadas a cabo durante os últimos seis días para vixiar o cumprimento das medidas aprobadas pola Xunta de Galicia. En total, do 23 ao 28 de febreiro, a Garda Civil, a Policía Nacional e a Unidade de Policía Adscrita á Comunidade Autónoma (UPA) levaron a cabo 1.112 dispositivos de control e vixilancia sanitaria nos que participaron 1.648 axentes, se identificaron a 8.847 persoas, se controlaron 5.632 vehículos e se elevaron 340 propostas de sanción.

No que respecta á Garda Civil, este corpo realizou durante os últimos seis días 943 controis nos que participaron 966 efectivos. Nestes operativos 6.654 persoas foron identificadas, 4.734 vehículos foron controlados e 165 persoas foron sancionadas.

Pola súa banda, a Policía Nacional levou a cabo 96 controis na provincia que contaron coa participación de 582 axentes. Nestes dispositivos foron identificadas un total de 2.013 persoas e 766 vehículos, e se elevaron 173 propostas de sanción.

Así mesmo, a Policía Autonómica efectuou 73 controis nos que identificou a 180 persoas, controlou 132 vehículos e interpuxo 2 propostas de sanción. Nestes dispositivos participaron 100 axentes autonómicos.

No encontro, os responsables policiais fixeron balance dos primeiros días en vigor das medidas aprobadas pola Xunta de Galicia e vixentes desde o pasado 26 de febreiro. Aínda que o Plan da Hostalaría aprobado pola Xunta de Galicia establece que a vixilancia do cumprimento das medidas recollidas en dito plan corresponde aos concellos, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado colaboraron nas labores de control en todos os municipios da provincia. Deste xeito, a Policía Nacional e a Garda Civil realizaron 354 controis na hostalaría durante a fin de semana e interpuxeron 79 sancións.

En liñas xerais, Larriba destacou que “o comportamento da cidadanía foi bo. Se ben é certo que o bo tempo provocou unha maior afluencia de xente en terrazas e rúas, salvo contadas excepcións, os veciños e veciñas da provincia tiveron unha actitude responsable”.

A subdelegada avanzou tamén que os corpos de seguridade continuarán esta semana coas labores de prevención fronte á COVID-19, levando a cabo controis e dispositivos adaptados á nova normativa autonómica e que vixiarán, de maneira especial, o cumprimento das medidas na hostalaría.

Por último, Larriba quixo apelar “á responsabilidade individual da veciñanza, xa que non nos podemos relaxar. Neste momento de contención do virus debemos continuar cumprindo con todas as medidas de prevención para seguir freando a súa transmisión e contaxio”.