A Subdelegación do Goberno en Ourense coloca a súa pancarta con motivo do Día Internacional da Muller

02/03/2021

Permanecerá pendurada no exterior da fachada principal do edificio ata o vindeiro luns 8 de marzo

Emilio González reiterou o compromiso do Goberno de España coa igualdade real e efectiva entre mulleres e homes


A Subdelegación do Goberno en Ourense despregou hoxe unha pancarta con motivo do Día Internacional da Muller, que permanecerá pendurada no exterior da fachada principal do edificio ata o vindeiro luns 8 de marzo.

O subdelegado do Goberno, Emilio González, sinalou que con este acto simbólico a Subdelegación do Goberno en Ourense únese á conmemoración desta data. “A pandemia da COVID-19 trouxo novos obstáculos para as mulleres que se engaden aos de carácter social e sistémico que xa existían antes”. O subdelegado advertiu de que “as mulleres hoxe enfróntanse ao aumento rexistrado en materia de violencia de xénero, así como a un incremento do traballo de coidados non remunerados e a unha maior taxa de desemprego”.

Emilio González lembrou que “as mulleres son maioría naqueles sectores que estiveron e están facendo fronte ao virus en primeira liña”, ás que quixo trasladar o seu agradecemento persoal e institucional.

Así mesmo, o subdelegado reiterou “o compromiso do Goberno de España coa igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, así como coa erradicación de todas as formas de discriminación que padecen as mulleres, garantindo una aposta lexislativa firme para construír unha sociedade paritaria e participativa”.