Javier Losada apunta que cerca da metade das infraccións penais cometidas contra mulleres en Galicia responden a violencia psíquica

Javier Losada apunta que cerca da metade das infraccións penais cometidas contra mulleres en Galicia responden a violencia psíquica

04/03/2021

Javier Losada reitera o compromiso das Forzas e Corpos de Seguridade coa protección das mulleres fronte a distintas formas de violencia que ocasionaron 28.015 infraccións penais en Galicia entre 2015 e 2019

Galicia rexistrou neste período unha taxa de vitimización de mulleres inferior á media estatal

A violencia psíquica foi a principal causa de victimización de mulleres no período analizado; séguenlle os actos de violencia física e, a máis distancia, a violencia sexual e económica

Javier Losada lamenta que o 70,3% destes delitos punibles estean vencellados á violencia de xénero


O delegado do Goberno, Javier Losada, reiterou hoxe o compromiso do Executivo coa erradicación da violencia contra as mulleres, que en Galicia acada unha taxa de vitimización de mulleres inferior ao da media estatal. Así se recolle no primeiro Informe sobre a Violencia contra a Muller 2015-2019, publicado polo Ministerio do Interior e dispoñible na súa web. Na semana previa á celebración do Día Internacional da Muller, Javier Losada abordou as principais cifras deste estudio que responde ao mandato do pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e supón a primeira análise estatística dun numeroso conxunto de tipoloxías penais ligadas ao máis amplo concepto da violencia sobre a muller.

“A partir do noso compromiso coa erradicación de calquera forma de violencia que directa ou indirecta sobre a muller e a súa contorna máis inmediata”, Javier Losada indiciu en que “este traballo permite visibilizar a magnitude da violencia 

contra a muller a nivel nacional, pero tamén en Galicia e nas provincias galegas, e dimensiona por primeira vez a nivel territorial a realidade do fenómeno no seu conxunto ao que nos enfrontamos as autoridades e o conxunto da sociedade”. 

O delegado do Goberno indicou que entre 2015 e 2019 as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado (FCSE) rexistraron en Galicia 20.015 feitos punibles nos que as mulleres foron vítimas ou prexudicadas por algunha infracción penal. A nivel das estatísticas delincuencias, Galicia rexistrou en 2019 unha taxa de vitimización feminina de 2,2 (feitos delictivos nos que as vítimas foron mulleres por cada 1.000 habitantes), inferior á media española, que ascende ao 2,8.

As infraccións penais que vitimizaron á muller no período estudado apóianse nas catro formas primarias ou eixos centrais de violencia recollidos internacionalmente: violencia psíquica, violencia física, violencia sexual e violencia económica. Tomando como referencia a Galicia, Javier Losada destacou que preto da metade das infraccións penais cometidas sobre mulleres entre 2015 e 2019 empregaron como modus operandi a violencia psíquica e intimidación, seguida de cerca pola violencia física e, a maior distancia, as violencias de tipo sexual e económico.

Relación da vítima co autor ou autora

Respecto á relación da vítima co autor ou autora dos feitos, Javier Losada lamentou que o 70,3% dos feitos punibles sobre mulleres se circunscriben á violencia de xénero (exercida pola parella ou exparella), o que “leva a ratificar a senda marcada polo Goberno de España nestes últimos anos”.

Na violencia de xénero emprégase maioritariamente a violencia psíquica mentres que na violencia doméstica (relacións familiares pero non de parella) emprégase con máis frecuencia a violencia física. A violencia sexual predomina en relacións alleas á familia ou á parella. No que respecta á violencia económica, é unha manifestación da violencia de xénero en 508 casos, relacionados coa falta de pagamento de prestacións económicas no marco deste fenómeno.

Tipoloxía de vítimas

Se extrapolamos os datos nacionais, a violencia psíquica, con 13.715 feitos coñecidos, detectouse con maior frecuencia na franxa de idade comprendida entre os 31 e os 40 anos. Séguenlle os actos de violencia física, con 11.858 en Galicia, que sofren con maior frecuencia as mulleres entre os 18 e os 30 anos.  

A continuación sitúase a violencia sexual, con 1.931 feitos coñecidos  que afectan con maior frecuencia a mulleres menores de idade, aínda que as formas máis violentas (agresións sexuais e agresións sexuais con penetración)  vitimizan sobre todo ás mulleres incluídas no grupo de 18 a 30 anos. En último lugar, sitúanse os actos de violencia económica (511) que se dirixiron a mulleres sobre todo entre os 31 e os 40 anos.

Metodoloxía

O traballo utiliza como eixo o concepto de  victimización, que fai referencia aos feitos coñecidos polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado nos que as mulleres son vítimas ou prexudicadas por algunha infracción penal. Optouse por este criterio porque é o mesmo utilizado noutras estatísticas, como as que elaboran o Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) ou o Instituto Nacional de Estatística (INE). Ademais, ao non existir unha única plataforma de datos para toda a tipoloxía de violencia contra a muller non é posible individualizar cada vítima.

Esta explicación é válida tamén para o apartado da autoría. O informe recolle unha  casuística na que todas as vítimas son de sexo feminino, pero na que os autores dos feitos  punibles poden ser tanto de sexo masculino como feminino. A única excepción é o apartado de violencia de xénero, que por definición recolle actos cometidos por homes dirixidos contra mulleres; no resto do informe non é posible categorizar a autoría en función do sexo.