Garda Civil e Policía Nacional realizaron esta semana 447 inspeccións en locais de hostalaría da provincia en cumprimento da actual normativa sanitaria

05/03/2021

 A subdelegada do Goberno destaca que as forzas e corpos de seguridade do Estado, xunto coa Policía Local e a Policía Autonómica, colaboran para garantir que se atenden as prioridades marcadas pola Xunta contra a pandemia
 Nesta semana, a Policía Nacional e a Garda Civil realizaron na provincia 512 controis, nos que identificaron 4.207 persoas, controlaron 3.628 vehículos e formularon 104 propostas de sanción


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, presidiu hoxe unha nova reunión do Centro de Coordinación Operativo da provincia (CECOR) na que se fixo seguimento da actividade que levan a cabo as forzas e corpos de seguridade para garantir o cumprimento das novas medidas postas en marcha pola Xunta contra a propagación da COVID. Na xuntanza, que se celebrou por vía telemática, tomaron parte os mandos da Garda Civil, a Policía Nacional, a Policía Autonómica, a Policía Local de Lugo, Protección Civil, así como representantes da Subdelegación do Goberno e da Xunta de Galicia.

 

Na reunión avaliouse o dispositivo posto en marcha na provincia, no que colaboran Garda Civil, Policía Nacional, Policía Local e Policía Autonómica, que na última semana fai especial seguimento do cumprimento das directrices marcadas polas autoridades sanitarias no Plan de Hostalaría Segura.

 

Isabel Rodríguez deu conta de que no que vai de semana a a Policía Nacional e a Garda Civil realizaron na provincia 447 a establecementos de hostalaría.

 

Ademais, desde o luns, día 1 de marzo, ata este xoves, día 4, levaron a cabo 512 controis que contaron coa participación de 824 axentes. En total durante esta semana foron identificadas 4.207 persoas, controláronse 3.628 vehículos e formuláronse 104 propostas de sanción.

 

A subdelegada do Goberno puxo en valor o intenso traballo que están a realizar as forzas e corpos de seguridade para asegurar o cumprimento das medidas sanitarias e, en definitiva, para protexer a saúde dos lucenses evitando a propagación da pandemia na nosa provincia.