Vilaboa celebra a súa primeira Comisión Local de Seguridade

Vilaboa celebra a súa primeira Comisión Local de Seguridade<br/>

08/10/2020

A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, presidiu hoxe xunto ao alcalde do Concello de Vilaboa, César Poza, a primeira xuntanza deste órgano que pretende potenciar a cooperación entre o municipio e a Garda Civil.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu hoxe a constitución e primeira reunión da Comisión Local de Seguridade do Concello de Vilaboa xunto ao seu alcalde, César Poza. Á xuntanza tamén acudiu o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, así como outros representantes municipais.

“Quero agradecer ao alcalde a solicitude de constitución deste órgano no Concello de Vilaboa, que non dispón de efectivos de Policía  Local e que polo tanto non pode contar cunha Xunta Local de Seguridade”, explicou Maica Larriba. A subdelegada do Goberno subliñou que “a creación deste órgano de cooperación e colaboración ten como obxectivo coordinar as accións do Concello e as actuacións da Garda Civil na localidade para garantir a seguridade cidadá do municipio”.

Tal e como acordara durante a súa primeira reunión coa subdelegada, celebrada o pasado mes de setembro, o novo alcalde puxo en marcha os trámites formais para contar con este instrumento de cooperación no Concello. César Poza explicou que “tras a incidencia de casos de Covid19 rexistrada na localidade e a súa área sanitaria e as medidas de restrición impostas pola pandemia, a creación desta Comisión resultará moi operativa para favorecer a cooperación e colaboración coas as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e, ademais permitiranos coñecer mellor os datos de seguridade cidadá da vila, así como propoñer accións de mellora”.

Maica Larriba quixo destacar os bos datos de delincuencia rexistrados no municipio e expostos pola Garda Civil durante o encontro, que evidenciaron “un estancamento do índice de criminalidade na localidade, que contabilizou o mesmo número de delitos durante os primeiros oito meses do ano 2020 que durante o mesmo período de 2019”. Neste sentido, a subdelegada destacou que as cifras analizadas permiten afirmar que “Vilaboa é un Concello seguro, cunha taxa media de aproximadamente 10 infraccións penais ao mes”. A este respecto, a subdelegada informou de que o maior descenso respecto ao ano 2019 prodúcese no ámbito dos delitos graves contra o patrimonio.

Por último, a subdelegada do Goberno quixo ofrecer aos responsables municipais “a máxima dispoñibilidade e colaboración das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que sen dúbida verase reforzada grazas a creación deste novo órgano, que redundará nun maior achegamento entre as distintas administracións e, consecuentemente, nunha mellor protección por estas do libre exercicio dos dereitos e liberdades públicas”.

Un instrumento de colaboración e cooperación

A Comisión Local de Seguridade é un instrumento de cooperación entre administracións que se establece naqueles municipios onde non existe corpo de Policía Local ou este carece de efectivos, e que, polo tanto, non poden constituír unha Xunta Local de Seguridade. Este órgano colexiado é un instrumento de colaboración, cooperación e actuación entre a Administración Central, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e o propio Concello en materia de seguridade cidadá.

Hoxe celebrouse a constitución e primeira reunión da Comisión Local de Seguridade do Concello de Vilaboa, que é o segundo municipio da provincia que conta con este órgano colexiado, tras a constitución, este luns, do mesmo órgano no Concello de Meis.