Vilanova de Arousa rexistra unha taxa de infraccións penais de 0,2 por cada mil habitantes

Vilanova de Arousa rexistra unha taxa de infraccións penais de 0,2 por cada mil habitantes

20/11/2020

A subdelegada do Goberno en Pontevedra pídelle a Gonzalo Durán que inclúa o seu concello no sistema integral de violencia de xénero ao ter na actualidade 18 casos activos.

A subdelegada de  Goberno, Maica   Larriba, presidiu hoxe xunto o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, a Xunta Local de Seguridade desta localidade, que tivo lugar mediante videoconferencia. Na reunión estiveron presentes o coronel xefe da Comandancia en Pontevedra, Simón Venzal, e os responsables comarcais da Garda Civil, amáis do xefe da Policía Local.

Larriba informou de que “segundo os datos proporcionados pola Garda Civil, Vilanova é unha localidade moi tranquila e cunha incidencia moi baixa de infraccións penais”. Xa que mentres a provincia ten unha incidencia de 11,8 infraccións penais por mil habitantes, en Vilanova esta cifra é de 0,2 por mil habitantes. “Son datos para felicitarnos, tanto a nivel provincial como local, porque estamos rexistrando uns índices de criminalidade moi baixos, sobre todo se os comparamos cos datos nacionais, que sitúan a incidencia de infraccións penais en 46,8 por cada mil habitantes”, asegurou Larriba.

Incluso no que vai de ano, a taxa de infraccións caeu con respecto ao mesmo período do ano 2019, no que rexistrouse un lixeiro incremento sobre o ano 2018. A pesares destes descensos en infraccións penais, as administrativas rexistraron un incremento importante, o que demostra a importante actuación que desenvolve a Garda Civil na localidade impoñendo estas sancións de carácter administrativo.

A subdelegada quixo tamén destacar as cifras de violencia de xénero na localidade. Na actualidade, o municipio rexistra 18 casos activos e 14 mulleres contan con ordes de protección. Tan só no 2020, déronse de alta no sistema Vioxén 10 vítimas. Larriba solicitou ao Concello a súa integración neste sistema nacional de seguimento integral aos casos de violencia de xénero xa que “os datos expostos demandan que todas as Administracións se impliquen na loita contra esta eiva, que tristemente tamén é unha realidade na localidade. A integración en Vioxén permitiría ademais contar coa colaboración da Policía Local, que resulta fundamental para poder reducir estes números, reforzar a protección e vixilancia ás vítimas e potenciar os traballos de prevención”.