A Subdelegación do Goberno en Pontevedra subscribirá un protocolo que permitirá aos xestores administrativos realizar trámites de estranxeiría por vía electrónica

A Subdelegación do Goberno en Pontevedra subscribirá un protocolo que permitirá aos xestores administrativos realizar trámites de estranxeiría por vía electrónica

04/11/2020

A subdelegada do Goberno mantivo hoxe unha reunión con representantes do Colexio de Xestores Administrativos de Pontevedra e Vigo para pór en marcha o traballo técnico necesario para a firma deste protocolo de actuación.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, reuniuse hoxe con representantes do Colexio de Xestores Administrativos de Pontevedra e Vigo  para pór en marcha a firma dun protocolo de actuación polo que os xestores administrativos poderán realizar trámites vinculados á Oficina de Estranxeiría, que até agora se realizaban de maneira presencial e con cita previa, por vía electrónica. Asistiron a reunión coa subdelegada José María Sanz, delegado do  Colexio en Pontevedra, e Pedro García, delegado do Colexio en Vigo.

“Hoxe poñemos en marcha o traballo técnico necesario para a definición deste protocolo, que aínda se ten que firmar, e que permitirá aos profesionais colexiados a realización de trámites administrativos e de xestión documental por vía electrónica en materia de estranxeiría”, explicou Larriba. O obxectivo do protocolo é pór a disposición do público en xeral un maior número de citas para a presentación persoal de solicitudes, xa que se eliminan do sistema aquelas que vaian ser presentadas polos xestores administrativos. Ademais, preténdese gañar en axilidade na instrución e resolución de expedientes, posto que unha parte deles serán revisados e cotexados polos propios xestores.

Este protocolo permitirá aos xestores realizar de maneira telemática trámites nos que non é necesaria a cita previa nin a personación do interesado, como é o caso das solicitudes de renovación de autorizacións ou a tramitación de autorizacións de residencia.

O novo procedemento establecerá que toda actuación dos profesionais colexiados (tanto se actúan como representantes coma se o fan como acompañantes) debe xestionarse a través do Colexio sen necesidade de acudir ao sistema de cita previa establecido pola Oficina de Estranxeiría para o resto dos usuarios. O Colexio recepcionará o expediente coa documentación previamente cotexada polos seus colexiados e enviarao á Oficina de Estranxeiría a través da aplicación informática habilitada para ese efecto. Desde a Oficina de Estranxeiría farase chegar ao Colexio de Xestores Administrativos unha listaxe onde se citará aos interesados cuxo trámite sexa presencial. Finalmente, a notificación da resolución enviarase telemáticamente ao xestor.

Antecedentes

Este protocolo ten a súa orixe no convenio subscrito en xullo de 2019 entre o Ministerio de Política Territorial e Función Pública e o Consello Xeral de Colexios de Xestores Administrativos de España para a realización de trámites administrativos e xestión documental por vía electrónica e a posterior adenda, de xuño de 2020, pola que se faculta ás subdelegacións a subscribir un protocolo provincial.

Maica Larriba quixo destacar que “o protocolo aposta por fomentar a colaboración social cos operadores xurídicos, económicos e administrativos e por impulsar a modernización, simplificación e racionalización dos procedementos para facer máis sinxelo á cidadanía o cumprimento das súas obrigacións formais na relación coa Administración Xeral do Estado”.

Pola súa banda, os responsables do Colexio de Xestores Administrativos de Pontevedra destacaron a iniciativa, que permitirá replicar con éxito outros procedementos que o Colexio xa leva a cabo por vía telemática, como é o caso dos de Tráfico. Tras a reunión, os representantes do Colexio comprometéronse a dispor de persoal dedicado a tal fin nas dúas dos sedes –Vigo e Pontevedra-.